O BNG de Ordes denuncia no Pleno a subida "abusiva" do canon de SOGAMA

ACoruñaXa
O portavoz Pablo Vidal rexeita a política de incineración da Xunta e demanda melloras nas tarifas da recollida de lixo para locais comerciais
Imaxe da Casa do Concello de Ordes
7 Nov 2024

O BNG de Ordes criticou a recente modificación da ordenanza fiscal nº 17, que regula a taxa de recollida de lixo, ao atribuír parte da subida das tarifas ao “aumento unilateral e abusivo do canon de SOGAMA” imposto aos concellos pola Xunta de Galiza. O portavoz do BNG en Ordes, Pablo Vidal, sinalou que a actual política de residuos do goberno autonómico, baseada na incineración e verteduras, é prexudicial tanto para as arcas municipais como para o medio ambiente. Vidal reclamou unha maior aposta por prácticas de prevención, redución, reutilización e reciclaxe, en liña coas directrices europeas. O BNG tamén manifestou reservas respecto á proposta de tarifas do goberno municipal, especialmente pola súa subdivisión para locais comerciais segundo a superficie. Segundo Vidal, “non parece xusto nin lóxico que un local de 450 metros cadrados pague a mesma taxa que un de 900, mentres outro de 350 pagaría 800 euros menos.” Como exemplo, destacou que un restaurante de 450 m² e outro de 900 m² pagarían ambos 2.367,05 euros ao ano, mentres un local de 350 m² só pagaría 1.519,78 euros. Esta desigualdade motivou a abstención do BNG na votación.

No referente ao suplemento de crédito para cubrir os gastos adicionais no tratamento de residuos, o BNG non se opuxo a incorporar fondos de remanentes, recoñecendo a necesidade de afrontar o custo extra derivado da subida do canon de SOGAMA, que ascende a 110.277,73 euros. Tamén valoraron positivamente o investimento de 238.705,91 euros na mellora e ampliación do local social de Vilamaior, que consideran urxente. Porén, o BNG discrepou coa urxencia de destinar 297.242,50 euros á amortización da débeda bancaria, argumentando que existen outras prioridades máis relevantes para a veciñanza. O portavoz nacionalista suxeriu que estes fondos se poderían destinar á mellora de infraestruturas básicas, como a instalación de tubaxes de saneamento en sendas peonís, a ampliación da rede de abastecemento a parroquias sen servizo, a dotación de iluminación pública en sendas, ou a creación dun espazo adecuado para o transporte público, entre outras melloras en Ordes.

O BNG tamén se abstivo na votación para a rectificación de erros no PXOM, tras constatar que esta modificación suporía un incremento notable da capacidade edificatoria en sectores clave como o P-0R-14 e o P-0R-29. Vidal manifestou dúbidas sobre se algunha destas correccións está en discusión nos contenciosos derivados da aprobación do PXOM, criticando a falta de información do goberno municipal ao respecto.

Ademais, o grupo nacionalista instou ao alcalde a iniciar de maneira urxente o curso de habilidades sociais no mercado agrario comarcal do Mesón do Vento, que aínda non comezou a pesar de finalizar xa outubro. Este retraso está afectando tanto á conciliación das familias como ao alumnado que esperaba participar nas actividades lúdicas e didácticas do curso, segundo denunciou o BNG. Por outra banda, o BNG propuxo trasladar o festivo local de San Roque, que en 2025 coincide en sábado, ao 24 de xuño, día de San Xoán, para maior beneficio da veciñanza.

Finalmente, o BNG de Ordes manifestou a súa preocupación polas “zonas brancas” sen cobertura de banda ancha no concello, especialmente en Lesta, e instou ao goberno local a ofrecer información sobre as previsións de despregue. Entre outras demandas, o grupo solicitou tamén a reposición de tapas de rexistro en farois de alumeado para evitar riscos, a reparación dun tramo de beirarrúa na avenida Alfonso Senra, o arranxo de camiños en O Valado e a retirada de árbores caídas en vías rurais. Estas propostas poñen de manifesto as prioridades do BNG para Ordes, que reclama unha xestión transparente e responsable dos fondos públicos, así como melloras urxentes en servizos básicos para a veciñanza.

0.19588208198547