O BNG de Ordes critica o nomeamento de Manuel Regos como fillo predilecto e reclama melloras

ACoruñaXa
Durante o pleno, o partido nacionalista presentou varias iniciativas para mellorar a mobilidade e seguridade viaria
Imaxe da Casa do Concello de Ordes
28 Feb 2025

O BNG de Ordes manifestou o seu rexeitamento ao nomeamento de Manuel Regos como fillo predilecto da localidade, aprobado unicamente polo goberno municipal. Segundo o portavoz nacionalista, Pablo Vidal, o expediente presentado non xustifica esta distinción máis alá do seu pasado como alcalde, sen achegar méritos relevantes. Ademais, lembrou que Regos gobernou en varias ocasións apoiándose en tránsfugas, unha práctica que, segundo o BNG, non debería ser branquexada nin premiada pola corporación municipal. O grupo nacionalista tamén destacou a contradición do PP, que en 2015, a través de Susana García, acusaba a Regos de irregularidades na xestión de obras, mentres que agora o propón para este recoñecemento.

Durante o pleno, o BNG presentou varias iniciativas para mellorar a mobilidade na vila. Entre elas, propuxeron establecer un dobre sentido de circulación cunha marxe de estacionamento na totalidade da rúa de Campeiras e da rúa da Reverencia, mentres que na Travesía de Campeiras apostan por un único sentido de circulación con aparcamento nunha das marxes. Segundo explicou Vidal, estas rúas sofren problemas de circulación, especialmente nos días de feira ou durante festexos. O BNG lembrou que esta proposta xa fora incluída nun informe da Policía Local en 2017, pero o goberno municipal segue sen aplicala oito anos despois.

Outra das medidas demandadas polo grupo nacionalista é o repintado urxente da sinalización viaria, xa que o seu deterioro incrementa o perigo en zonas sensibles, como os pasos de peóns. O BNG criticou a resposta do alcalde en setembro, cando asegurou que as empresas de pintura estaban saturadas. Para os nacionalistas, este atraso débese a unha falta de vontade política, xa que houbo tempo suficiente entre 2024 e o que vai de 2025 para acometer os traballos.

Ademais, o BNG propuxo establecer unha compensación do IBI para os propietarios de parcelas cedidas como aparcadoiros disuasorios, mediante un contrato de cesión revogable. Segundo Vidal, esta medida permitiría aumentar os espazos de estacionamento na vila, aliviando os problemas de aparcamento que afectan a veciñanza.

Alerta pola presenza de vespa velutina e deficiencias no alumeado público

O BNG tamén advertiu da presenza de ata tres niños de vespa velutina no paseo Ramiro Recouso Liste, situados preto dos xogos infantís e das instalacións de ximnasia ao aire libre. Os nacionalistas instan ao alcalde a proceder coa súa retirada inmediata e a colocar trampas para reducir a presenza desta especie invasora nunha zona moi transitada por persoas de todas as idades.

Por último, a formación denunciou as deficiencias no sistema de iluminación do paseo da Rolda Leste, onde hai varios farois sen tapas de rexistro, permitindo o acceso á instalación eléctrica e xerando un risco, especialmente por estar preto de centros educativos e deportivos. Tamén sinalaron interrupcións reiteradas no funcionamento do alumeado e a existencia de ata catro farois que non funcionan, reclamando ao goberno municipal que tome medidas urxentes para solucionar estes problemas.

 

⚙ Configurar cookies
0.4736590385437