O BNG de Ordes critica a falta de prioridade do Goberno local en vivenda nos orzamentos de 2025

ACoruñaXa
En materia de emprego, o BNG denuncia a falta de avances na ampliación do polígono industrial de Merelle
Imaxe da Casa do Concello de Ordes
30 May 2025

O Bloque Nacionalista Galego de Ordes vén de mostrar o seu rexeitamento aos orzamentos municipais para o ano 2025, denunciando a ausencia de proxectos estratéxicos e medidas clave para afrontar os principais retos urbanísticos e sociais do concello. Segundo o seu portavoz, Pablo Vidal, "a vivenda e o emprego non figuran entre as prioridades do alcalde", o que, ao seu xuízo, "lastra o futuro de Ordes".

Desde a formación nacionalista alertan da crecente dificultade para acceder a unha vivenda no municipio. Apuntan que a falta de incentivos para promotoras, unida á existencia de vivendas baleiras sen rehabilitar, está detrás do forte encarecemento dos alugueiros. Critican tamén que o goberno local non impulse mecanismos como anexos de habitabilidade para transformar baixos comerciais en desuso, nin reserve fondos específicos para rehabilitación ou vivenda pública.

En materia de emprego, o BNG denuncia a falta de avances na ampliación do polígono industrial de Merelle, ao non contemplarse partidas para a compra dos terreos necesarios nin para a ampliación da EDAR, infraestrutura clave para desenvolver novas áreas urbanizables como o S-12. Vidal considera que isto evidencia "a falta de planificación do goberno local en materia de desenvolvemento económico".

Outra das críticas céntrase no reparto de subvencións nominativas, que o BNG cualifica de "práctica opaca e arbitraria". Lembran que o propio interventor municipal advertiu sobre esta cuestión nos seus informes, e reclaman a creación dunha ordenanza que regule a concesión de axudas con criterios claros, garantido así a concorrencia competitiva.

O Bloque tamén puxo o foco sobre o elevado custe da demolición das antigas instalacións de Viriato, cifrado en máis de 420.000 euros e que, segundo os nacionalistas, se suma a un investimento global que podería superar os 1,5 millóns de euros. Acusan ao goberno de desbotar calquera opción de aproveitamento das estruturas existentes, hipotecando recursos públicos.

No ámbito rural, o BNG denuncia o mal estado de moitas pistas e o atraso na dotación de servizos como o abastecemento e o saneamento, con parroquias que aínda carecen completamente destes servizos básicos. Vidal responsabiliza directamente ao alcalde desta situación tras unha década á fronte do executivo local.

Ademais, os nacionalistas reclaman o soterramento das liñas eléctricas e de comunicación nas rúas Viriato Lamas e de Galicia, recentemente urbanizadas e que xa dispoñen das canalizacións necesarias. Instan ao alcalde a esixir ás compañías a retirada dos tendidos aéreos.

En relación co mantemento urbano, o BNG denuncia que continúan os atascos na rede de pluviais, con sumidoiros cheos de entullos que impiden o seu correcto funcionamento. Lamentan que as súas advertencias anteriores foran ignoradas e piden unha actuación inmediata para garantir a seguridade viaria.

Por último, a concelleira María Martínez puxo o foco nas deficiencias do pavillón Castelao. Alertou do risco que supoñen os ocos das varandas nas gradas e solicitou medidas de protección, como paneis de metacrilato. Tamén reclamou calefacción para os vestiarios exteriores e melloras na estanqueidade do edificio para evitar correntes de aire.

Co seu voto en contra aos orzamentos, o BNG reafirma a súa postura crítica ante un proxecto que consideran "insuficiente e desconectado das necesidades reais da veciñanza de Ordes".

⚙ Configurar cookies
0.16805815696716