O BNG de Oleiros traslada denuncias veciñais por estragos en camiños causados por madeiristas

O BNG de Oleiros traslada que a veciñanza volve denunciar o deterioro dos camiños públicos causado, presuntamente, por empresas madeireiras durante o traslado de troncos. Nesta ocasión, os danos afectan a zona de Broño, na parroquia de Maianca, pero xa houbo incidentes semellantes en Dexo, no corazón do espazo natural protexido do Monumento Natural, e en Iñás. "Tristemente, unha práctica xa demasiado habitual en Oleiros", lamenta o BNG.
Sinalan que a situación se complica coa existencia de talas sen licenza, o que permite que se talen árbores sen control, deteriorando e bloqueando camiños, ademais de causar graves danos en espazos públicos e fincas privadas.
Para realizar estas talas, é obrigatorio cubrir un formulario que esixe datos como a titularidade do monte, a localización da talla, a cantidade de madeira extraída, as especies afectadas e as posíbeis afeccións a servidumes de paso.
O BNG insta á Xunta e ao Concello a identificar os responsábeis e a tomar medidas inmediatas para evitar novos atentados contra o patrimonio colectivo e as propiedades privadas da veciñanza.