O BNG de Oleiros reclama no Pleno transparencia e medidas concretas para temas pendentes

ACoruñaXa
O grupo nacionalista reiterou a necesidade de crear unha xunta de portavoces
Casa do Concello de Oleiros
28 May 2025

O BNG de Oleiros volveu poñer enriba da mesa, no Pleno do mes de xuño, a necesidade de crear dunha vez por todas unha xunta de portavoces, despois de que o Goberno local limitase unilateralmente o número de mocións que pode presentar a oposición. A fronte nacionalista lembrou que, a comezos de ano, o executivo municipal anunciara a súa posta en marcha, algo que “chega tarde” pero que, a día de hoxe, segue sen concretarse. “Queremos saber cando se vai convocar por fin, con que periodicidade e con que contido”, indicaron.

Durante a sesión plenaria, o portavoz municipal do BNG tamén trasladou varias preguntas sobre cuestións que preocupan á veciñanza, como os asuntos que continúan sen resolver tras a finalización das obras de rexeneración da Ría do Burgo. O Bloque alertou de que, máis dun ano despois de concluído o paseo entre Oleiros e Cambre, o único movemento foi a limpeza de cascallos e restos, mentres seguen sen respostas as críticas pola talla de árbores denunciada no seu momento polo Concello, a ausencia de zonas de baño e, especialmente, a situación das mariscadoras.

Sobre este último colectivo, o BNG lembra que levan xa tres anos desprotexidas economicamente e denuncian o “abandono” por parte da Xunta e do Estado, “que levan meses pasando a pelota e eludindo responsabilidades”. A formación anunciou que continuará defendendo os dereitos das mariscadoras nos foros que sexa necesario, incluíndo o Estado e mesmo a Unión Europea.

Tamén preguntarán ao Goberno local sobre cal é a súa postura en relación a estas tres cuestións pendentes —a talla de árbores, a creación de zonas de baño e a situación das mariscadoras— e se teñen previsto adoptar algún tipo de medida concreta.

Outro dos asuntos que o BNG levou ao Pleno foi a situación dos portos de Santa Cruz e Mera. Denuncian o seu estado de “deterioro e abandono” e lembran que estas infraestruturas están integradas nos paseos marítimos das respectivas localidades. No caso de Santa Cruz, sinalan que o porto perdeu o seu uso pesqueiro e funciona agora como espazo de lecer e tránsito de veciños e visitantes. “Se ocorre un accidente, veremos como a Xunta xustifica a súa responsabilidade, nun espazo portuario de acceso teóricamente restrinxido”, advertiron.

Por iso, o BNG preguntará ao Concello sobre o estado actual das negociacións coa Xunta para a cesión das infraestruturas portuarias, e sobre cales son os plans e proxectos que o executivo local ten para estas zonas, unha vez restauradas pola Consellaría.

Desde o grupo nacionalista insisten en que “non se pode seguir permitindo que se eternicen temas clave para o benestar da veciñanza e a conservación do noso litoral”, e piden ao Goberno local “menos anuncios e máis feitos”.

⚙ Configurar cookies
0.30791091918945