O BNG de Oleiros reclama máis coordinación metropolitana en mobilidade e servizos

ACoruñaXa
Para o BNG, é fundamental a cooperación fronte a convenios bilaterais puntuais como o asinado entre A Coruña e Arteixo
concello Oleiros
28 Apr 2025

O Bloque Nacionalista Galego de Oleiros pediu ao Concello que impulse unha colaboración máis efectiva cos municipios da área metropolitana da Coruña, especialmente en materia de mobilidade e servizos públicos. Para o BNG, é fundamental avanzar cara unha cooperación “continua, transversal e común”, fronte a convenios bilaterais puntuais como o recentemente asinado entre A Coruña e Arteixo.

Desde a formación nacionalista, sinalan que problemas como os xurdidos coa liña 1A de transporte urbano ou a exclusión de Oleiros da iniciativa “Coruña Marítima” poderían terse evitado cunha mellor coordinación entre concellos limítrofes. Ademais, lembran que iniciativas como o sistema de préstamo de bicicletas, xa implantado na Coruña, deberían ser tamén unha prioridade para Oleiros, que leva anos de retraso nesta materia. "Existe unha unión real e diaria entre a cidadanía de Oleiros e A Coruña que debe ser recoñecida polas Administracións", afirman.

O portavoz municipal do BNG tamén avanzou que formularán varias preguntas no pleno para coñecer os avances en proxectos recollidos no Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), como o sistema público de aluguer de bicicletas e a rede de aparcadoiros de bicis. Reclaman que o Goberno local concrete os pasos dados e os prazos previstos, lembrando que o estudo do proxecto supón un custo estimado de 5.000 euros e a implantación uns 200.000 euros.

Por outra banda, o BNG cuestionará a xestión dos servizos de verán, denunciando a falta de coordinación entre o inicio do cobro pola ORA e a posta en marcha do socorrismo e as duchas nas praias. Demandan que todos estes servizos coincidan no tempo para garantir unha prestación axeitada ás necesidades dos usuarios.

Tamén alertan sobre problemas de limpeza en zonas concurridas, especialmente de cara ao verán, e instan ao Concello a poñer en marcha campañas específicas para erradicar o lixo, dirixidas tanto á poboación residente como á visitante.

Finalmente, sinalan un problema de seguridade en Santa Cruz: as escaleiras que unen a rúa Adolfo Suárez coa rúa Gutiérrez Mellado carecen dunha iluminación axeitada, converténdose nun potencial punto de risco. O BNG pedirá ao Concello que actúe para mellorar a iluminación nesta zona.

Desde o BNG de Oleiros insisten en que “é momento de actuar con visión metropolitana e de mellorar a calidade de vida da veciñanza con medidas concretas e inmediatas”.

⚙ Configurar cookies
0.12195086479187