O BNG de Oleiros reclama a restauración completa do monumento a Federico García Lorca

ACoruñaXa
O grupo nacionalista considera fundamental que o monumento chegue recuperado ao 90 aniversario do asasinato do poeta
bng-oleiros-monolito
31 Jul 2025

O grupo municipal do BNG de Oleiros vén de instar ao Goberno local a cumprir co compromiso de restaurar o monumento dedicado a Federico García Lorca, situado no parque Luís Seoane de Santa Cruz, o principal espazo verde público do municipio.

A escultura, obra do recordado artista José María Kaydeda e executada polo mestre canteiro Emilio Siso Vecino, foi inaugurada cando outro dos grandes proxectos de Kaydeda, Alfaroleiros, estaba a dar os seus primeiros pasos. O propio artista afirmaba naquel momento que “con Lorca había unha gran débeda colectiva aínda non satisfeita”. O monólito de Santa Cruz foi, sen dúbida, o primeiro erixido na contorna en honra do poeta, asasinado polo fascismo en agosto de 1936.

Con todo, segundo a formación nacionalista, o monumento non estivo exento de ataques vandálicos motivados polo odio fascista. A obra sufriu desde actos públicos de rexeitamento ata a “decapitación” do monólito e a desaparición progresiva de varias placas de bronce con títulos dalgunhas das obras máis significativas de Lorca.

En 2022, aseguran os nacionalistas, o alcalde de Oleiros anunciou en entrevista que a escultura sería restaurada e que as placas desaparecidas se reporían “con carácter inmediato”. Aínda que pasaron tres anos desde aquela declaración, as placas non foron recuperadas, polo que o monumento non pode lucir na súa totalidade tal e como foi deseñado e inaugurado.

Ante esta situación, o BNG aproveita a presentación dunha nova edición de Alfaroleiros para solicitar ao goberno municipal que “axilice o anunciado polo alcalde en 2022 e restaure como é debido a peza escultórica creada por Kaydeda”. O grupo nacionalista considera fundamental que o monumento chegue completo e recuperado ao 90 aniversario do asasinato de Federico García Lorca.

⚙ Configurar cookies
0.11791896820068