O BNG de Oleiros propón novos proxectos de dinamización para Alfaroleiros

ACoruñaXa
Desde o BNG cuestionan se a Xunta de Galicia está á altura do que Alfaroleiros acadou ao longo destes anos
Imaxe de Alfaroleiros Pasarrúas en Oleiros
24 Feb 2025

O BNG de Oleiros traslada que o pasado agosto Alfaroleiros celebrou os seus 30 anos de existencia, un fito que é un motivo de celebración colectiva e que demostra a fidelidade do público, veciñanza e visitantes, así como o compromiso das artesás e artesáns que cada ano comparten os seus saberes e traballos. A organización, desde a súa creación, impulsada por Kaydeda e Teresa, foi mantida e renovada por figuras como Ana Pallares, Alfonso Faraldo e, actualmente, Ana Justo. Este longo percorrido é unha mostra do éxito e da importancia de Alfaroleiros no panorama cultural e turístico da zona.

Como novidade na pasada edición, e con motivo do aniversario, organizouse unha exposición paralela que se dispuxo en varios espazos de Santa Cruz. Esta iniciativa de difusión conseguiu captar a atención e xerou o interese de explorar novas vías para que esta mostra chegue a outros lugares de Galicia, do resto do Estado e incluso de Portugal. "Os vimbios xa os temos", apuntan desde a organización, facendo referencia ás posibilidades de expansión e crecemento do evento.

Ademais, o BNG destaca a importancia da declaración de interese turístico de Galicia para Alfaroleiros e expresa o seu apoio incondicional a este recoñecemento. A pesar de que o Goberno galego xa iniciara os trámites hai meses, desde o BNG cuestionan se a Xunta de Galicia está á altura do que Alfaroleiros acadou ao longo destes anos, suxerindo que podería haber un maior apoio institucional, sobre todo se o goberno municipal fose do Partido Popular.

O BNG tamén subliña que Alfaroleiros pode ser moito máis que un evento anual de actividades paralelas. Propón vincular a feira ao Museo dos Oleiros e afondar no estudo e na preservación dos oficios tradicionais como o dos telleiros, ou nas actividades sobre cociña e barro. Ademais, suxiren crear propostas que conecten de forma máis estreita a feira coa hostalaría local, como rutas gastronómicas, concursos de tapas ou xornadas culturais que impliquen aos negocios locais. "A materia prima, os vimbios, xa os temos", sinalan, referíndose ao potencial de Alfaroleiros para dinamizar a economía local.

Por último, o BNG considera que Alfaroleiros é tamén unha oportunidade para recuperar a memoria e identidade do municipio. Propoñen dar máis impulso ao Museo e ao alfar municipal, creando novas iniciativas como actividades vinculadas á antiga fábrica de cerámica de Thomas Price en Dorneda ou á orixe da lagoa de Mera, entre outras posibles iniciativas.

 

⚙ Configurar cookies
0.42061185836792