O BNG de Oleiros levará ao pleno medidas para frear o incremento récord dos alugueiros

O BNG vén de anunciar que presentará no vindeiro pleno municipal unha batería de iniciativas destinadas a facer fronte a un dos maiores problemas que afecta á veciñanza de Oleiros: o prezo desorbitado dos alugueiros. Segundo os últimos datos do Observatorio da Vivenda de Galicia e o IGVS, Oleiros rexistra o alugueiro medio máis caro de todo o país, alcanzando os 886 euros mensuais.
“É unha situación insostible que está expulsando á xente do municipio”, sinalan desde a formación nacionalista, que pedirá ao goberno local medidas concretas para reverter esta tendencia. O BNG advirte que a realidade do mercado de alugueiro en Oleiros é xa unha barreira infranqueable para a maioría da cidadanía.
Pero a defensa da vivenda non será o único tema a tratar. O portavoz municipal do BNG tamén formulará varias preguntas e propostas sobre asuntos chave para o futuro do concello:
Novo PXOM para un novo modelo urbano
Desde o BNG instan ao executivo local a abordar a redacción dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O actual data de 2009 e, segundo a formación, non responde ás novas realidades como o turismo masivo, a crise climática, a saturación urbanística ou a necesidade de vivenda protexida. “É preciso repensar o territorio con criterios de sustentabilidade, eficiencia enerxética, xestión da auga e residuos”, sinalan.
Outra das demandas históricas do BNG é a creación dunha liña de transporte que conecte o interior de Oleiros, especialmente tras a desaparición da ruta entre Lorbé e O Burgo. Preguntarán no pleno sobre as xestións realizadas co Concello e coa Xunta para a posta en marcha desta liña.
Máis estacionamento para residentes en zonas de alta presión turística
O BNG valorará positivamente a implantación de tarxetas para residentes en zonas como Xoez, pero considera que é necesario ampliar este sistema a outras áreas afectadas pola avalancha estival de vehículos. “Hai que garantir o dereito á mobilidade e á tranquilidade da veciñanza durante o verán”, destacan.
Sentido único na Rúa do Batán
A última proposta fai referencia á seguridade viaria: pedirán estudar a posibilidade de converter a Rúa do Batán nunha vía de sentido único. A elevada afluencia de vehículos tras a apertura da senda do río San Pedro e o estreito da calzada fan desta medida unha posíbel solución para evitar situacións de risco.