O BNG de Oleiros leva ao pleno a proposta dunha ordenanza para o uso sostible das praias

ACoruñaXa
A iniciativa nace como resposta á crecente masificación dalgúns areais e aos conflitos que se veñen producindo nos últimos anos
Casa do Concello de Oleiros
23 Jun 2025

O Bloque Nacionalista Galego levará ao pleno do Concello de Oleiros unha proposta para impulsar a creación dunha ordenanza municipal que regule o uso sostible das praias do municipio. A iniciativa nace como resposta á crecente masificación dalgúns areais e aos conflitos que se veñen producindo nos últimos anos, tanto por cuestións de convivencia como de seguridade e protección ambiental.

Desde a formación nacionalista destacan que “a complexidade da xestión das praias, os riscos sanitarios, a protección do medio natural e mesmo situacións como a vivida en Mera —onde varios axentes da Policía Local tiveron que retirar pelotas por queixas doutras persoas usuarias— ou os saltos perigosos desde cantís como os de Pena Touro, evidencian a necesidade de actuar”. Nese sentido, xa o pasado ano advertiran da aparición de pequenos conflitos e instaron ao goberno local a adoptar medidas reguladoras, informativas e formativas, sen que ata o de agora se dese resposta.

A proposta do BNG recolle a necesidade de establecer criterios que garantan a compatibilidade entre o desfrute das praias, a súa protección integral, a convivencia cidadá e a seguridade das persoas usuarias. A ordenanza debería abordar aspectos como os dereitos e deberes das persoas usuarias, normas hixiénico-sanitarias, uso de equipos de música ou altofalantes, práctica de deportes como fútbol ou palas durante a tempada alta, presenza ou non de animais, venda ambulante, realización de eventos ou espectáculos, pesca marítima de recreo, navegación de lecer e a implantación dun réxime sancionador acorde.

Ademais da proposta para as praias, o portavoz municipal nacionalista aproveitará o pleno para formular varias preguntas sobre cuestións que afectan directamente á veciñanza. Entre elas, interesarase polo número de expedientes sancionadores abertos por vivendas turísticas ilegais. Lembran que o Concello solicitou á Xunta a baixa de 89 vivendas do Rexistro Autonómico por carecer de licenza e non axustarse ao PXOM, e que si ten competencias sancionadoras en materia urbanística, polo que solicitarán datos sobre os procedementos abertos e posibles sancións impostas.

Tamén poñerán o foco nas plantacións de eucaliptos, acacias e piñeiros que non cumpren as distancias mínimas respecto das vivendas, segundo marca tanto a Lei de montes como a ordenanza municipal vixente. Denuncian a existencia de varias leiras na Rúa Areosa, especialmente na parte sen asfaltar que conecta con Curros Enríquez, onde existe risco de incendio e caída de árbores de gran tamaño enriba das casas. Pedirán que o Concello actúe para garantir a seguridade da veciñanza.

Outro dos asuntos que o BNG trasladará ao executivo local ten que ver co mal estado dos camiños na mesma zona da Rúa Areosa e nas corredoiras adxacentes, que se atopan cheas de fochancos, sen puntos de luz nin colectores do lixo. Consideran que é urxente unha intervención para mellorar as condicións de habitabilidade nesta parte do municipio.

Por último, preguntarán polas causas dos cortes no fornecemento de auga rexistrados o pasado mes de maio en zonas como O Valiño e Santa Cruz. Lembran que o día 4 a veciñanza do Valiño estivo arredor de seis horas sen subministro e que o día 7 tamén houbo incidencias en Santa Cruz, polo que pedirán explicacións e medidas para evitar que se repitan.

Con esta batería de propostas e preguntas, o BNG de Oleiros busca reforzar a acción municipal na defensa do benestar da veciñanza e na protección do medio ambiente, esixindo planificación e resposta ante as demandas sociais actuais.

⚙ Configurar cookies
0.16345381736755