O BNG de Oleiros esixe solucións para os centros de saúde do municipio no Parlamento

ACoruñaXa
A deputada Iria Taibo reclama medidas urxentes ante as deficiencias estruturais e de persoal
Centro de sáude en Oleiros
19 Nov 2024

A deputada nacionalista Iria Taibo levou ao Parlamento Galego a crítica situación dos centros de saúde de Oleiros, rexistrando diversas iniciativas para abordar as graves deficiencias estruturais e de persoal que afectan a prestación de servizos esenciais á veciñanza.

Entre as principais reclamacións, Taibo destacou a problemática derivada da falta de cobertura das baixas da matrona no Centro de Saúde de Santa Cruz, unha situación que prexudica non só a atención sanitaria das mulleres embarazadas, senón tamén a realización dos cursos de preparación ao parto.

Falta de pediatras e saturación nos servizos

A deputada nacionalista sinalou que o servizo de pediatría no Centro de Saúde de Santa Cruz está claramente insuficiente desde o verán, xa que só conta cunha pediatra en horario de mañá, mentres que a segunda praza só se cobre ocasionalmente con prolongacións de media xornada. En setembro, a xerencia tomou a decisión de pechar as cotas de pediatría neste centro, permitindo unicamente que os nenos de Mera se inscriban alí, mentres que o resto son desviados ao centro de saúde de Perillo.

Para paliar esta situación, o BNG propón abrir unha nova praza de pediatría no Centro de Saúde de Mera ou no da Covada, de forma que as dúas prazas de Santa Cruz poidan atender a poboación desa localidade e garantir que as familias poidan ser atendidas nun mesmo centro de saúde.

Problemas no servizo de odontoloxía

Taibo tamén denunciou que o servizo de odontoloxía é insuficiente para atender as necesidades do concello. Actualmente, só hai unha profesional na Covada, e esta unidade non funciona en horario de tarde. O BNG suxire que se habilite o centro polas tardes, que se traslade a unidade a outro centro con horario ampliado, ou que se cree unha nova Unidade de Saúde Bucodental con persoal adicional.

Adaptação dos servizos sanitarios ao crecemento da poboación

O BNG demanda ao goberno galego medidas concretas para adecuar os servizos sanitarios ao incremento da poboación en Oleiros. Taibo insistiu na necesidade de habilitar o centro de saúde da Casa do Mar en Mera, unha proposta xa presentada polo BNG hai meses, que aliviaría a saturación e melloraría a atención médica na zona.

0.19012808799744