O BNG de Oleiros denuncia o abandono dos antigos embarcadoiros do Parque do Seixo

ACoruñaXa
Sinala a formación nacionalista que o Estado centrou as súas actuacións en obras como a limpeza do paseo da Ría entre Oleiros e Cambre
Casa do Concello de Oleiros
24 Jun 2025

O BNG de Oleiros vén de poñer o foco no estado de deterioración dos antigos embarcadoiros situados na parte baixa do Parque do Seixo, unha zona próxima á beira da Ría do Burgo, que durante anos foron demandando a reparación tanto á Demarcación de Costas como ao propio Concello. Estes embarcadoiros atópanse actualmente abandonados, convertidos en foxos cheos de lodos, vexetación e residuos, convertendo a zona nun perigo tanto para persoas como para animais.

Desde 2009, o BNG alertou do mal estado destas estruturas e reclamou actuacións inmediatas, como o peche do seu perímetro para evitar o acceso e unha sinalización adecuada. Non obstante, apuntan que a resposta do Estado foi, ata agora, insuficiente, centrando as súas actuacións en obras como a limpeza do paseo da Ría entre Oleiros e Cambre, máis non atendendo as reclamacións relacionadas coas mariscadoras, a talla de árbores ou as zonas de baño para a cidadanía.

O pasado venres, o Ministerio de Transición Ecolóxica fixo públicos os proxectos dos novos treitos do paseo marítimo que afectarán tanto ao Parque do Paraíso como á zona do Seixo, ata o límite con Cambre. Segundo o BNG, os planos do Ministerio contemplan a eliminación de dous destes antigos embarcadoiros situados no Parque do Seixo, dentro da zona verde pública da Ría do Burgo.

Desde o BNG de Oleiros e de Cambre, sinalan que aínda que estes embarcadoiros están case no límite dos dous concellos, pertencen a Oleiros, polo que manteñen unha posición firme en defensa da súa conservación. "Defendemos sempre a súa conservación, non a eliminación como parece van ser os planos do Estado", apuntan, e subliñan a importancia de recuperalos e poñelos en valor como parte da historia da Ría e do traballo tradicional na beira.

Para aclarar se esta eliminación forma parte definitiva dos plans do Ministerio, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentará unha pregunta formal ao Ministerio de Transición Ecolóxica para que expliquen se levarán adiante esta medida e as razóns que a motivan, advertindo que esta acción suporía unha perda irreversible para o patrimonio e o acervo cultural da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.18120884895325