O BNG de Oleiros denuncia deficiencias nos servizos municipais e esixe solucións ao Concello

ACoruñaXa
A formación nacionalista levará esta e outras cuestións ao próximo pleno municipal
Iván Roca do BNG de Oleiros
25 Mar 2025

O BNG de Oleiros anunciou que levará ao próximo pleno municipal diversas queixas cidadás relacionadas co funcionamento dos centros deportivos municipais. A formación nacionalista denuncia múltiples deficiencias no servizo prestado pola empresa concesionaria, como a baixa temperatura das piscinas e duchas os luns pola mañá, deficiencias no mobiliario das saunas, peches inesperados como o da piscina de Perillo, atrasos na reparación de maquinaria nos ximnasios ou a falta de sinalización e mantemento nas instalacións.

"Queremos saber cal é a valoración do Concello sobre o servizo prestado pola empresa concesionaria e se existe algún expediente aberto pola súa xestión", sinalaron desde o BNG.

Outra das cuestións que o BNG levará ao pleno é a suspensión temporal da execución das obras do edificio multiusos en Bastiagueiro, que foi decretada polo Concello o pasado 13 de xaneiro. "Descoñecemos as circunstancias desta nova suspensión, xa que anteriormente xa se produciron atrasos pola aparición de regatos e mananciais subterráneos", explican desde o partido, que pedirá explicacións sobre os motivos desta paralización.

O BNG tamén se interesará polo futuro do mural de Tono Correa Corredoira en Santa Cristina, que presenta un avanzado estado de deterioro. Segundo a resposta do Goberno do Estado a unha pregunta do deputado do BNG Néstor Rego, a administración central non asume ningunha responsabilidade na súa conservación, malia tratarse dun encargo da Demarcación de Costas en 1992. Pola súa parte, o Concello de Oleiros tamén rexeita asumir esta obriga. "É tempo de actuar xa! Preguntaremos que pasos pensa dar o Concello para evitar a perda deste importante patrimonio artístico", sosteñen desde o BNG.

O grupo nacionalista tamén pedirá ao Goberno local que actúe sobre a pasarela e a varanda de madeira da rúa Gutiérrez Mellado, que presenta un evidente deterioro e supón un risco de caídas e accidentes para a cidadanía.

Por último, o BNG esixirá medidas contra os incumprimentos da empresa concesionaria da limpeza en centros públicos como as bibliotecas ou A Fábrica. Denuncian a falta de material de traballo, a non provisión de roupa e calzado ao persoal, a escaseza de subministracións básicas como papel e outros produtos hixiénicos. "Pediremos ao Concello que obrigue á empresa a cumprir coas súas obrigas e, no caso de que sexa necesario, que active o procedemento sancionador", conclúen desde o BNG.

⚙ Configurar cookies
0.5513060092926