O BNG de Oleiros celebra os avances para mellorar a seguridade viaria no Couto

ACoruñaXa
A formación nacionalista destaca destaca o papel clave da veciñanza e as súas reivindicacións dende hai anos
bng-oleiros
24 Jun 2025

O BNG de Oleiros fixo público o seu balance positivo sobre o debate celebrado o pasado xoves 19 de xuño na Comisión 2.ª do Parlamento Galego, onde se abordou a situación da estrada AC-173 ao seu paso polo núcleo do Couto. Esta vía, con velocidade máxima de 70 km/h e sen pasos de peóns próximos, leva anos sendo motivo de preocupación entre a veciñanza pola súa falta de seguridade para os desprazamentos a pé.

Segundo explica o BNG, as reivindicacións cidadás levan anos en marcha, con concentracións semanais todos os luns, e coa implicación de diferentes grupos políticos para lograr unha solución. A formación nacionalista levou as demandas tanto ao Pleno do Concello de Oleiros como ao Parlamento, mentres que a Consellaría de Infraestruturas, durante a lexislatura pasada, xustificaba a súa negativa a intervir baseándose en informes técnicos.

Trátase dunha estrada de titularidade autonómica, o que implica que a responsabilidade recae inicialmente na Xunta. A administración galega propuxera transferir a titularidade ao Concello de Oleiros, pero este rexeitara a proposta ata o de agora. No último Pleno municipal, o alcalde anunciou que o Concello asumiría a instalación dun paso de peóns, tras chegar a un principio de acordo co goberno galego.

En resposta a este novo contexto, o BNG presentou unha emenda á proposición non de lei defendida polo PSdeG na Comisión 2.ª, apostando por “unha solución acordada entre as dúas institucións, en vista de que parece existir vontade de entendemento”.

No debate, os tres grupos parlamentarios concordaron en que as discrepancias políticas non deben dificultar a resolución dos problemas veciñais, e coincidiron en valorar positivamente este novo clima de diálogo institucional.

O BNG de Oleiros destaca o papel clave da veciñanza: “queremos agradecer ás veciñas a súa insistencia para tentaren conseguir unha solución xusta para un problema de seguridade viaria que ten moito que ver cun obxectivo que tamén compartimos, o de conseguir unha mobilidade xusta que non só pense nos desprazamentos en vehículo particular”.

⚙ Configurar cookies
0.18270587921143