O BNG de Oleiros alerta da persistencia da LGBTfobia e reclama máis medidas contra a discriminación

ACoruñaXa
A formación lanza un chamamento á acción política e social para continuar avanzando na loita polos dereitos do colectivo
concello Oleiros
19 Jun 2025

Con motivo do Día Internacional do Orgullo LGBT, que se celebra o 28 de xuño en lembranza da revolta de Stonewall en Nova York no ano 1969, o BNG de Oleiros lanza un chamamento á acción política e social para continuar avanzando na loita polos dereitos do colectivo. A formación lembra que, máis de cincuenta anos despois daquel momento histórico, aínda queda “moito camiño por percorrer” para erradicar por completo a violencia e a discriminación que padecen as persoas LGBT, tamén en Galicia.

“O asasinato de Samuel Luíz na Coruña hai só 4 anos no contexto dunha agresión homófoba” serve de exemplo, segundo o BNG, da realidade que aínda viven moitas persoas. A organización nacionalista lembra que os delitos de odio por orientación sexual ou identidade de xénero son os segundos máis denunciados no Estado, só por detrás dos de carácter racista ou xenófobo. Segundo datos do Ministerio do Interior, en 2023 rexistráronse 522 delitos deste tipo, cun aumento respecto ao ano anterior.

Porén, o BNG advirte que estas cifras non reflicten a realidade completa, xa que “máis dun 80 % das agresións sufridas —algúns estudos sinalan cifras superiores ao 90 %— non chegan a denunciarse nunca”, polo que considera que estamos “ante a punta dun alarmante iceberg”.

A organización tamén chama a atención sobre os datos recollidos no informe “Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade en Galiza”, elaborado en 2023 polo Foro de Identidades e Disidencias Sexuais do Consello da Cultura Galega. Neste documento evidénciase, entre outras cuestións, a grave situación nos centros educativos galegos, onde “o 88 % das entidades e colectivos LGBT non considera que sexan espazos seguros”. A isto súmase outro estudo de Agareso, que sinala que “o 81 % do alumnado LGBT sufriu algunha agresión” e que “o 69 % do profesorado presenciou algunha vez agresións contra poboación LGBT”.

Desde o BNG critícase tamén o marco legal actual en Galicia, que consideran “claramente exiguo” e aínda sen desenvolver na súa totalidade, malia que transcorreron xa dez anos desde a aprobación da Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación das persoas LGBT. Segundo denuncian, as decisións adoptadas polo Partido Popular na Xunta impiden avanzar, por exemplo, nunha lexislación específica para os dereitos das persoas trans ou na implantación de medidas concretas no ámbito educativo para fomentar a diversidade e combater a LGBTfobia.

Con esta declaración, o BNG de Oleiros súmase á celebración do Orgullo lembrando que, malia os avances, a loita continúa e require compromiso político, social e institucional para garantir unha sociedade libre de discriminacións.

⚙ Configurar cookies
0.15798187255859