O BNG de Miño rexeita os orzamentos do PSOE e critica a falta de diálogo

O BNG de Miño votou en contra da proposta de orzamento municipal para o ano 2025 presentada polo Goberno local do PSOE. A formación nacionalista xustificou a súa decisión denunciando a falta de vontade de diálogo por parte do executivo liderado polo alcalde Vázquez Faraldo, así como a exclusión de medidas xa aprobadas polo Pleno e consideradas fundamentais polos nacionalistas.
O voceiro do BNG, Alberte G. Nicolás, asegurou que o rexeitamento das alegacións presentadas polo seu grupo era previsible mesmo antes de que se fixesen públicas. “O alcalde dicía lamentar a falta de apoio da oposición, mais desde o BNG consideramos que este goberno nin precisa nin busca ese apoio”, afirmou, sinalando o escaso interese do executivo por atender as propostas realizadas ao longo do mandato.
Segundo Nicolás, as achegas do BNG incluían cuestións xa debatidas e aprobadas pola maioría do Pleno, polo que podían terse incorporado sen dificultade ao orzamento. “Resulta inxusto que o propio alcalde alegue que estas propostas non eran coñecidas, cando xa foran debatidas e mesmo acordadas anteriormente polo Pleno”, subliñou.
O voceiro nacionalista lembrou tamén que a súa formación mantivo sempre unha actitude de diálogo e colaboración, pero advertiu que seguirán a esixir o cumprimento dos compromisos adquiridos. Como exemplo da inacción do goberno socialista, citou o incumprimento do primeiro acordo deste mandato: a declaración das marismas do Baxoi como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), así como outros acordos que —di— seguen “gardados nun caixón”.
Desde o BNG insisten en que o apoio aos orzamentos pasa necesariamente por abrir vías de diálogo que permitan incluír propostas en base aos acordos plenarios. E critican o que consideran unha actitude incoherente do PSOE, ao non cumprir cos seus compromisos “igual que fixeron ao negarse a condenar o xenocidio que sofre o pobo palestino, a recoñecer o problema do acceso á vivenda en Miño, ou a impulsar un Plan Municipal de Vivenda, ou mesmo a evitar a cesión da antiga escola de Gallamonde á Xunta para a creación dunha residencia pública de maiores”.