O BNG de Miño rexeita o proxecto de conexión viaria pola súa afección ás Marismas do Baxoi

ACoruñaXa
A formación nacionalista alerta sobre o impacto ambiental que esta actuación podería ter sobre o ecosistema
sendas-baxoi
23 May 2025

O Bloque Nacionalista Galego de Miño vén de expresar de novo o seu rexeitamento frontal aos proxectos promovidos para conectar a zona de Telle coa Ponte do Puzo e, desde aí, coa Praia Grande. A formación nacionalista alerta sobre o impacto ambiental que esta actuación, cun orzamento global próximo aos dous millóns de euros, podería ter sobre o ecosistema das Marismas do Baxoi, un espazo natural que está en vías de ser recoñecido como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) e que xa forma parte das propostas de ampliación da Rede Natura 2000 e da recente declaración como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA).

Desde o BNG cuestionan non só o custe económico e ambiental do proxecto, senón tamén a súa eficiencia en termos de mobilidade. A nova conexión prevista incrementaría a distancia entre puntos clave da parroquia, pasando dos actuais 800 metros a máis de 1.050, contradicindo así os argumentos do goberno local sobre a suposta mellora nos desprazamentos e na mobilidade sostible.

A formación lembra que desde a presentación inicial do proxecto xa amosaron o seu desacordo, e volven propor alternativas máis respectuosas co medio como a habilitación dunha senda segura ao longo da N-651. Esta opción permitiría conectar os núcleos de poboación de maneira efectiva, utilizando tramos da antiga estrada e reforzando tanto a seguridade viaria como o acceso ao transporte público, beneficiando zonas como Bañobre, Ponte Baxoi ou A Prata sen comprometer a integridade do ecosistema natural.

O portavoz municipal do BNG, Alberte G. Nicolás, insistiu en que “a conservación e posta en valor das Marismas do Baxoi é perfectamente compatible coa mellora da mobilidade, pero estas actuacións deben abordarse con rigor técnico e ambiental, e non como unha escusa para executar proxectos que poden ser prexudiciais para un ecosistema xa ameazado”.

Ademais, critican que o goberno local pretenda declarar esta obra como de interese xeral ao abeiro da Lei de Costas, sen achegar unha xustificación técnica e ambiental sólida, e sen contar cun estudo de impacto ambiental, algo que consideran imprescindible dada a sensibilidade da zona.

Desde o BNG de Miño solicitan ao executivo municipal que paralice de inmediato esta intervención e abra un proceso de diálogo coa veciñanza e as entidades ambientais para buscar solucións que verdadeiramente compatibilicen a protección do patrimonio natural coa mellora das comunicacións locais.

⚙ Configurar cookies
0.14915204048157