O BNG de Miño reclama máis transparencia e prevención tras a vertedura que afectou á praia Grande

O BNG de Miño vén de solicitar ao Goberno local que actúe con maior transparencia e responsabilidade ante os episodios de contaminación na praia Grande, logo de que o baño estivera desaconsellado nos últimos días na zona da ría. As nacionalistas critican a xestión da alerta sanitaria e reclaman mellores mecanismos de información e prevención en materia de saúde pública.
“O goberno municipal non fixo maior esforzo que a colocación dun cartaz no acceso ao areal”, lamentou o voceiro municipal do BNG, Alberte G. Nicolás. “O Concello de Miño ten máis ferramentas para chegar á veciñanza e visitantes para, sen caer no alarmismo, evitar males maiores”, engadiu.
Desde a formación nacionalista tamén cuestionan a forma na que se informou da situación, xa que descoñecen se o aviso se colocou en todos os accesos da praia ou só nos puntos próximos á zona de baño afectada.
Ademais de demandar unha resposta máis eficaz, o BNG solicita explicacións claras sobre a orixe da vertdura. “Non sabemos se estamos a falar dun feito puntual ou se poderiamos enfrontar un novo episodio no futuro”, advertiu Nicolás.
“Agora que comezamos a tempada estival e cada vez son máis as persoas que desfrutan das praias da localidade, é máis necesaria a transparencia e a celeridade en coñecer as causas para evitar que se repita unha situación similar”, concluíu o portavoz.
O BNG insiste en que o acceso á información e a anticipación deben ser prioridades para garantir a seguridade das persoas e preservar a calidade ambiental das zonas costeiras do municipio.