O BNG de Miño presentará alegacións ao orzamento municipal para incluír acordos plenarios ignorados

ACoruñaXa
A formación nacionalista criticou que a proposta orzamentaria chega “fóra de prazo”
Alberte-G-Nicolas-bng-miño
8 Apr 2025

O BNG de Miño anunciou no pleno extraordinario que presentará alegacións ao orzamento municipal de 2025 co obxectivo de mellorar as contas e facer cumprir acordos aprobados polo pleno que o goberno do PSOE está a ignorar.

A formación nacionalista criticou que a proposta orzamentaria chega “fóra de prazo” e que é “practicamente idéntica” á de anos anteriores. Denunciaron que o executivo municipal “volta darlle as costas a medidas mesmo aprobadas pola corporación local”, incumprindo así os mandatos do pleno.

“O BNG non cuestiona que sexan os orzamentos máis altos da historia do concello, como pretende facer ver o PSOE”, afirmou o voceiro municipal Alberte G. Nicolás. “Pero este aumento débese ao pago de nova débeda e á inclusión de transferencias doutras administracións, como a Deputación da Coruña, que nin sequera deberían aparecer se o orzamento se aprobase en prazo”, advertiu.

Tamén sinalaron que partidas como a do Servizo de Atención no Fogar ou o mantemento de parques e xardíns aumentan notablemente, pero lembran que son contratos que precisaban actualizacións urxentes por mor das múltiples queixas, tanto de usuarias como de traballadoras.

Segundo o BNG, o orzamento non contou co seu apoio pola ausencia de diálogo por parte do goberno socialista durante a súa elaboración, así como pola negativa a incorporar compromisos plenarios como a declaración das Marismas do Baxoi como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) ou medidas de inclusión social para colectivos vulnerábeis.

“O orzamento sería ben distinto se dependese do BNG”, indicou Nicolás. “O que vemos é unha falta de respecto ao pleno e aos seus acordos. Por iso, presentaremos alegacións, tendendo a man ao goberno para mellorar as contas e facer realidade os compromisos adoptados”.

Críticas ao “carácter antidemocrático” do Goberno local

O BNG tamén criticou duramente ao alcalde, Vázquez Faraldo, por suxerir que o retraso na entrada en vigor do orzamento sería culpa do BNG. Alberte G. Nicolás replicou que “non se pode responsabilizar ao BNG dunha falta de planificación dun goberno con maioría absoluta, que debería ter o orzamento aprobado antes de final de ano”.

Ademais, amosaron sorpresa pola afirmación do rexedor de que “o BNG non presentou propostas na comisión informativa”, o que consideran un descoñecemento do funcionamento institucional.

“Agardamos que o orzamento de 2026 se presente nos prazos establecidos pola lei e que o goberno local amose vontade real de diálogo co resto das forzas políticas. Así evitará repetir o papel de vítima”, concluíron desde o BNG.

⚙ Configurar cookies
0.16397905349731