O BNG de Miño presenta alegacións a pasarela sobre as Marismas do Baxoi para garantir a protección ambiental

ACoruñaXa
Ante un investimento de case 1,2 millóns de euros, desde o BNG de Miño sinalan que existen alternativas que “requirirían menos investimento e solucionarían as necesidades de mobilidade da veciñanza”
Imaxe do voceiro do BNG de Miño, Alberte G. Nicolás
3 Xuño 2024

O BNG de Miño presentou alegacións a pasarela que o goberno municipal pretende instalar sobre as Marismas do Baxoi para garantir a protección ambiental dun espazo cunha biodiversidade única na contorna.

“Pensamos que sería bo realizar un estudo de impacto ambiental, que a memoria presentada non recolle, para valorar a afectación a un espazo cun alto valor como ecosistema costeiro como son as Marismas do Baxoi. Ademais, obvia até catro normativas ambiente cunha proposta contraria aos principios de conservación da fauna e flora e non garante a conservación dos hábitats”, sinalou Alberte G. Nicolás, voceiro do BNG de Miño. “Ademais, estase tramitando a declaración como ENIL (Espazo Natural da Interese Local) deste espazo, que tamén está incluído nas propostas de ampliación da Rede Natura tanto de 2008 como de 2012 da Xunta de Galiza e, recentemente, foi declarada como ZEPA e integrada no Corredor Migratorio Galaico-Cantábrico Occidental e, polo tanto, incluída xa na Rede Natura”, apuntou.

Alén dunha falta de garantías ambientais, desde a fronte nacionalista sinalan que o goberno local do PSOE “retorce a realidade para facer encaixar a pasarela aos seus intereses” xa que a memoria recolle como unha necesidade diminuír as distancias elevadas que se deben camiñar para conectar os núcleos de Bañobre-Ponte Baxoi con Miño ou a mellora da seguridade viaria, mais “non recolle as rutas alternativas, algunhas xa de por si seguras e que xa existen, nin o tempo que se aforra coa nova pasarela”.

“Tamén é unha obriga poñer de manifesto a falta de ética e transparencia do goberno socialista xa que, como moitos outros proxectos, a súa redacción foi feita no anterior mandato e o PSOE utilizou esta información para o seu propio beneficio en campaña e agora, dilata os tempos para acceder á documentación de outros proxectos interrelacionados e, sen os cales, esta pasarela perdería toda funcionalidade”, manifestou Alberte G. Nicolás. “É evidente que a intervención nas Marismas do Baxoi non vai rematar nesta pasarela, senón que hai outros procextos que a memoria non recolle, como a conexión da pasarela cun camiño ou estrada existente no lado de Bañobre e, simplemente con botar unha ollada ao túnel colocado recentemente por ADIF e ao propio título da memoria, deixa clara intención de conectar a pasarela co Camiño de Santiago”, concluíu.

Alternativas coa veciñanza no centro

Diante dun investimento de case 1,2 millóns de euros, desde o BNG de Miño sinalan que existen alternativas que “requirirían menos investimento e solucionarían as pro solucionarían as necesidades de mobilidade da veciñanza”.

“Trátase dun proxecto que é inasumíbel para as arcas municipais e, de lograr fondos estatais, poderían dedicarse a facer un camiño seguro desde a Ponte Baxoi até Miño paralelo á N651”, sinalou Alberte G. Nicolás. “Aproveitando os treitos da antiga estrada poderíase lograr unha conexión entre Bañobre-Ponte Baxoi e Miño moito máis rápida e que dea servizo tamén ao núcleo da Prata e mellore a seguridade viaria das usuarias da liña de autobús, que a día de hoxe vense na obriga de camiñar por tramos de estrada sen beiravía”, concluíu.

As nacionalistas tamén sinalan que hai outras propostas trasladadas ao Pleno e que o goberno municipal aínda non atendeu como a mellora da seguridade viaria na estrada que atravesa Bañobre e que conecta a Praia Grande e a N651 “por falta de fondos” ou a colocación dun paso seguro na vía de tren entre O Rabazal e Telle para mellorar a conectividade co CPI Castro Baxoi e a seguridade viaria da contorna “polo custo do mantemento”. “No caso do paso seguro en Telle, é rechamante como o PSOE en febreiro dicía que o custo do mantemento do paso era inasumíbel mais agora, cun paso de similares características a apenas 160 metros non só non levantou a voz senón que se alegrou”, lamentou o voceiro da fronte.

0.10666418075562