O BNG de Miño pide garantías para asegurar a continuidade e a calidade do SAF e evitar máis atrasos

ACoruñaXa
As nacionalistas reclaman explicacións polo inicio tardío da licitación, máis información ás persoas usuarias e un seguimento estrito das condicións laborais das traballadoras do servizo
MIÑO bng Alberte Nicolás
18 Feb 2026

O BNG de Miño volveu esixir ao goberno local ‘máxima axilidade e transparencia’ no proceso de nova contratación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), tras a resolución definitiva do contrato coa empresa Os Ventos o pasado 5 de febreiro e a aprobación dun novo prego por vía urxente.

A formación nacionalista critica que, pese a tratarse dun procedemento declarado urxente, o anuncio de licitación non se remitiu á plataforma europea até o 10 de febreiro ás 10.30 horas, o que, ao seu xuízo, supón unha primeira demora no arranque do proceso de adxudicación. Segundo o portavoz municipal, Alberte G. Nicolás, ‘falamos dun servizo esencial para persoas vulnerábeis, polo que non é aceptábel ningunha demora innecesaria nin falta de información’.

O BNG advirte de que a inestabilidade repercute directamente nas persoas usuarias e nas súas familias, polo que pide ao Concello explicacións polo retraso e a posta en marcha de canles de comunicación ‘claras e periódicas’ coas persoas dependentes e o seu entorno.

Ademais, a organización pon o foco na situación das traballadoras do SAF e reclama que se garantan condicións laborais dignas. Entre as incidencias sinaladas figuran presións por parte da concesionaria e problemas co pagamento das nóminas, ao tempo que instan o executivo municipal a exercer unha función activa de seguimento e, se é preciso, mediación.

As nacionalistas lembran tamén que o propio goberno local recoñeceu un empeoramento da calidade do servizo desde que se comunicou a resolución do contrato á empresa o 20 de xaneiro. Por iso, consideran imprescindible aplicar medidas transitorias mentres non se peche a nova adxudicación, incluíndo a posibilidade dunha contratación complementaria dunha segunda empresa.

Pola súa banda, o Concello explicou nas últimas semanas que a nova licitación se tramita con carácter urxente e cun orzamento global de 1,2 millóns de euros, e que durante a transición a empresa actual ten a obriga de manter a atención até a formalización do novo contrato.

⚙ Configurar cookies
0.092369794845581