O BNG de Miño pecha unha rolda de encontros veciñais facendo balance de mandato

ACoruñaXa
As xuntanzas tiveron como obxectivo recoller, de primeira man, inquedanzas, queixas e propostas da ciudadanía
bng-minho-cl
29 May 2025

O BNG de Miño vén de concluír unha serie de encontros veciñais celebrados ao longo do mes de maio nas distintas parroquias do municipio. Estas xuntanzas tiveron como obxectivo principal facer balance dos dous primeiros anos de mandato e recoller, de primeira man, inquedanzas, queixas e propostas da veciñanza.

A formación nacionalista destacou que estas reunións permitiron explicar o traballo desenvolvido dende que o BNG recuperou a súa presenza no pleno tras as eleccións municipais de 2023. “A nosa entrada na corporación serviu para mudar dinámicas e introducir debates que antes non existían”, apuntaron desde a organización.

Durante os encontros, o BNG puxo en valor as máis de 90 iniciativas levadas a pleno, moitas delas centradas en cuestións prioritarias para o municipio, como a defensa da sanidade e da educación pública, a proposta para declarar as Marismas do Baxoi como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), ou a introdución de medidas para mellorar a inclusión de colectivos vulnerables, como persoas con mobilidade reducida ou con Trastorno do Espectro Autista (TEA).

O portavoz municipal, Alberte G. Nicolás, sinalou que “a pesar da maioría absoluta do PSOE e de contar cun só concelleiro, desde o BNG fomos quen de arrancar acordos positivos e forzar ao goberno local a posicionarse en temas que antes se evitaban”.

Porén, as xuntanzas tamén foron espazo para a crítica ao actual executivo local, ao que o BNG acusa de falta de planificación, de atrasos no cumprimento de compromisos, e de manter contratos de servizos básicos en situación precaria. “Todo isto repercute negativamente na calidade dos servizos públicos”, advertiu Nicolás, quen tamén lamentou a ausencia dun proxecto claro para un concello que medra en poboación sen que se vexa un reforzo paralelo nos servizos públicos.

Unha das principais preocupacións trasladadas pola veciñanza foi a situación das parroquias e zonas rurais, onde se denuncia a falta de investimento, mantemento e servizos básicos. “Non se trata de grandes obras, senón de pequenas melloras que marcan a diferenza no día a día: parques infantís, zonas deportivas, seguridade viaria...”, expuxeron desde o BNG.

Tamén se recolleron propostas vinculadas á mellora da mobilidade, do transporte, da limpeza viaria, da programación cultural e da dinamización do comercio local.

Finalmente, o BNG volveu poñer sobre a mesa a necesidade de crear espazos estables de participación cidadá, como consultas veciñais, orzamentos participativos ou consellos veciñais. “É urxente avanzar cara a un modelo máis participativo, que implique á cidadanía nas decisións e constrúa un Miño pensado para quen o vive os 365 días do ano”, concluíu Alberte G. Nicolás. “Miño está cambiando, pero ese cambio só será positivo se se fai coas persoas no centro”.

⚙ Configurar cookies
0.15961694717407