O BNG de Miño insta á Xunta a mellorar o transporte público por estrada na localidade

O Bloque Nacionalista Galego de Miño presentará no próximo pleno ordinario do luns unha iniciativa coa que busca un posicionamento conxunto da corporación para demandar da Xunta de Galicia unha mellora integral do servizo de transporte público por estrada na localidade, centrada na ampliación de horarios e na optimización das conexións actuais.
O voceiro nacionalista, Alberte G. Nicolás, sinala que desde que en 2020 a UTE Hércules Norte asumiu a xestión das liñas que atravesan o municipio, o servizo viu como “empeoraba”, malia funcionar adecuadamente ata ese momento. A pesares das modificacións introducidas no ano 2022, o BNG considera que os problemas persisten, afectando especialmente ás liñas que comunican Miño con Betanzos, A Coruña, Ferrol e Pontedeume.
“É habitual ver que, ante a ausencia de servizos en diferentes franxas horarias, moitas persoas vense obrigadas a recorrer ao vehículo privado ou a depender doutras persoas para desprazarse”, critica Nicolás, quen subliña as consecuencias que isto ten na vida cotiá da veciñanza, desde desprazamentos por motivos laborais ou educativos ata citas médicas ou actividades de lecer.
Desde o BNG denuncian que “o PP, a través da Xunta de Galiza, non está a garantir a mobilidade da poboación en termos de igualdade, seguridade e eficiencia, especialmente no ámbito rural, mediante servizos axeitados e adaptados ás necesidades da cidadanía”.
A formación nacionalista lembra que Miño é un concello en crecemento demográfico e que forma parte da área de influencia de cidades como A Coruña e Ferrol, polo que non resulta aceptable que persistan as actuais carencias nun servizo esencial como o transporte público. Nicolás lamenta que a Xunta “atenda antes aos intereses das grandes concesionarias que ás necesidades da poboación”, nun contexto no que se acumulan queixas por falta de puntualidade, eliminación de servizos, modificacións de itinerarios sen explicación ou o deficiente estado dalgúns vehículos.
Por todo isto, o BNG defenderá que a Xunta de Galicia acometa “unha mellora integral do servizo de transporte por estrada en Miño”, centrada na ampliación de frecuencias, a adaptación dos horarios e a garantía de conexións eficientes cos centros de estudo, traballo e servizos do contorno.