O BNG de Miño insta a que os orzamentos de 2024 apoien ao comercio local
O BNG de Miño presentou as súas propostas para os orzamentos municipais de 2024. Nos que entende que os orzamentos deben incluír medidas que apoien o comercio local e novos investimentos en servizos e infraestruturas.
“Cómpre reservar fondos para a creación dun bono comercio para a época de Nadal, melloras na seguridade viaria nas zonas rurais e realizar obras de mellora no posto de socorrismo da Praia Grande e no CPI Castro Baxoi, así como realizar un estudo técnico sobre a viabilidade de implantar un servizo de transporte público baixo demanda”, sinalou o voceiro do partido Alberte G. Nicolás.
“Todo isto podería conseguirse aforrando uns 60.000 euros de gasto que desde o BNG entendemos máis superfluo, como reducir o gasto en propaganda e diferentes partidas xenéricas sen un fin concreto ou limitar o aumento do gasto en festexos”, indica o voceiro nacionalista.
As nacionalistas inciden en que “na situación económica na que se atopa o concello de Miño, cada euro conta para manter os mellores servizos para a veciñanza”. Alberte G. Nicolás explicou que “é o momento de dar un paso adiante e centrarse no que Miño necesita, afastándose duns orzamentos continuistas e pouco ambiciosos, polo que tendemos a man ao goberno municipal para que teña en consideración as nosas propostas que pretenden mellorar os orzamentos e concretar propostas que melloren a vida da veciñanza.
Transparencia e participación veciñal
Ademais, os nacionalistas consideran que estes orzamentos deben ser as contas da transparencia, dando maior lugar á participación veciñal. Segundo o voceiro nacionalista, “a participación non se pode limitar simplemente a enquisas na aplicación da Liña Verde, débese dar voz e participación activa ás asociacións e á veciñanza no seu conxunto na elaboración dos orzamentos, reservando unha partida de 100.000 euros para que as miñesas e miñeses decidan onde facer os investimentos”. Coa mesma finalidade, aumentar a transparencia e o bo goberno, deben limitarse as subvencións nominativas.
Servizos públicos de calidade.
Dende o BNG sinalan que 3.894.604,74 euros, o 47% do gasto do Concello de Miño, é para facer fronte a pagos a empresas privadas por servizos que presta a entidade local. Isto, sumado a enorme cantidade de contratos a punto de vencer ou vencidos e prorrogados de forma irregular, fai máis necesario que nunca que o goberno municipal estude antes de licitar cada contrato a posibilidade da xestión directa dos servizos, como a fórmula que mellor garante o funcionamento con criterios de calidade e interese público.