O BNG de Miño esixe a recuperación inmediata da Senda das Marismas do Baxoi ante o seu abandono

ACoruñaXa
O grupo nacionalista insta ao Goberno local a solucionar con urxencia este problema
senda-baxoi-minho
10 Jul 2025

O portavoz municipal do BNG en Miño, Alberte G. Nicolás, reclama ao Goberno local que adopte as medidas necesarias para restaurar a Senda das Marismas do Baxoi, que abriu ao público en outubro de 2023 e, pouco máis dun ano despois, se atopa nun estado “practicamente abandonado”. Nicolás denunciou que “nun quilómetro de percorrido hai tramos cubertos pola vexetación, árbores que atrancan o paso nas pasarelas, restos de podas abandonados e puntos nos que a estreiteza e irregularidade do camiño chegan a ser perigosos”.

O portavoz nacionalista criticou que o executivo municipal “vive dos anuncios de grandes investimentos e de fotos de inauguracións” pero logo “esquece o mantemento e a xestión do día a día das cuestións máis básicas”.

Alberte G. Nicolás subliñou que, aínda que “o PSOE fixo bandeira da apertura deste tipo de sendas e ten previsión de abrir outras de maior calado e investimento, parecen ignorar o mantemento que levan aparellado”. Alertou tamén sobre a posible situación da pasarela prevista sobre as Marismas do Baxoi entre Telle e a ponte da Praia Grande, sinalando que “vendo o estado desta senda ou o da Senda do Xarío, nada quita que a pasarela remate no mesmo estado”.

Ademais, o portavoz advertiu dunha evidente falta de planificación por parte do goberno socialista e cuestionou a viabilidade de futuras actuacións: “Vendo o estado actual desta senda ou da do Xarío, nada garante que a nova pasarela prevista non acabe no mesmo estado de abandono”.

Finalmente, o BNG de Miño insta ao Goberno local a solucionar con urxencia este problema “creado por el mesmo”, xa que foi o propio executivo quen impulsou a infraestrutura. Nicolás conclúe que “a veciñanza merece un goberno á altura, cunha planificación e un proxecto claro, que en vez de xerar problemas, aporte solucións. Hoxe por hoxe, o PSOE non está a cumprir”.

⚙ Configurar cookies
0.16178679466248