O BNG de Miño denuncia o deterioro das beirarrúas e a falta de mantemento nas parroquias

O Bloque Nacionalista Galego de Miño pon o foco na precaria situación das beirarrúas no centro urbano, así como na ausencia de limpeza e mantemento nos camiños e marxes das parroquias do municipio. Segundo o BNG, esta situación pon en perigo a seguridade dos veciños e amosa a desatención do Goberno local ás necesidades máis básicas da poboación.
No casco urbano, son cada vez máis as denuncias polo mal estado do firme, onde as plaquetas soltas ou levantadas e o afundimento do chan provocan frecuentes tropezóns e caídas. “Esta situación non é nova, leva anos sen que se adopten solucións efectivas, e ademais súmase unha evidente falta de limpeza”, sinala Alberte G. Nicolás, portavoz do BNG en Miño.
O portavoz reclamou “unha actuación inmediata, aínda que sexa provisional, para reparar ou retirar as plaquetas máis perigosas e tapar os ocos con cemento ou algunha solución temporal, mentres se acometen as obras previstas”.
Tamén amosou a súa preocupación pola realidade nas parroquias, onde “non existe ningún tipo de mantemento” e os camiños “están invadidos pola maleza, facendo imposible o paso dos peóns nalgúns puntos”. Isto supón, engade, “un grave risco, sobre todo nos núcleos rurais onde os peóns teñen que compartir vía co tráfico rodado en estradas estreitas pola maleza”.
O BNG critica que o goberno municipal continúe cunha política “de abandono” en lugar de planificar un mantemento regular que evite que estas deficiencias se repitan ano tras ano. “A prioridade debe ser garantir a seguridade das persoas en todos os ámbitos, tanto no centro da vila como nas parroquias. Os grandes proxectos teñen que quedar en segundo plano ata que non se resolvan as necesidades básicas da cidadanía”, apuntou Alberte G. Nicolás.
Finalmente, o BNG de Miño fai un chamamento para que o Goberno local actúe con responsabilidade, promovendo unha intervención urxente nas beirarrúas máis danadas e poñendo en marcha unha campaña inmediata de limpeza e mantemento nos camiños das parroquias.