O BNG de Miño denuncia a falta de limpeza dos sumidoiros e esixe unha actuación inmediata

ACoruñaXa
Os nacionalistas propoñen que o Concello asuma de xeito excepcional a limpeza mentres non se licita o novo contrato, para evitar atascos, cheiros e riscos de inundación
MIÑO bng alberte g nicolas
25 Sep 2025

O BNG volveu poñer o foco no estado dos sumidoiros do municipio e na súa ‘falta de mantemento continuado’, unha situación que, segundo lembra a formación, xa foi trasladada en varias ocasións ao Pleno sen que o goberno local adoptase solucións efectivas. O portavoz municipal, Alberte G. Nicolás, afirmou que ‘non é de recibo que o executivo se limite a agardar polo novo contrato cando hai anos que non se fai unha limpeza axeitada’.

Segundo o grupo nacionalista, a acumulación de lixo e sedimentos está a provocar atascos que impiden o correcto desaugadoiro e que derivan en charcos, malos cheiros e mesmo risco de inundacións nos episodios de chuvia intensa. Como exemplo, citan a contorna da praza da Fonte, onde xa se produciron incidencias. ‘Falamos dun problema de seguridade e salubridade pública que non pode seguir adiándose’, subliña Nicolás.

O BNG lembra que o propio alcalde recoñeceu que a empresa concesionaria non realiza a limpeza por non estar recollida de forma explícita no contrato vixente —caducado desde hai anos— e que a actuación non se acometerá até que entre en vigor un novo prego, sen concretar prazos. Ante este escenario, o BNG propón que, de maneira excepcional, o Concello asuma directamente o custe e a execución das limpezas preventivas ‘para garantir o mantemento básico das infraestruturas municipais e evitar problemas innecesarios froito da deixadez’.

A formación insiste en que é responsabilidade do goberno local activar medidas urxentes mentres non se resolve a nova licitación, calendarizar as limpezas por zonas máis problemáticas e informar a veciñanza das actuacións previstas. ‘O que cómpre agora é decisión e servizo público, non máis espera’, conclúe o portavoz.

⚙ Configurar cookies
0.096288919448853