O BNG de Miño alerta sobre o novo proxecto urbanístico do PSOE en Monte Piñeiro

O BNG de Miño vén de expresar publicamente a súa preocupación ante a nova proposta do Goberno local do PSOE para urbanizar ata 500 vivendas na contorna de Monte Piñeiro, unha zona situada xunto ás marismas do río Baxoi e a praia Grande, cun alto valor ecolóxico.
Segundo explicou o portavoz municipal do BNG, Alberte G. Nicolás, “o propio Goberno local presentou en 2022 un proxecto que supostamente desbloqueaba a situación urbanística coas promotoras e que evitaría unha demanda millonaria cunha proposta de 350 vivendas e unha edificabilidade de 0,30 m²/m². Xa daquela advertimos do impacto que esta proposta tiña sobre un ecosistema tan delicado como as marismas, pero agora o PSOE dá un paso máis alá, aumentando até 500 vivendas e elevando a edificabilidade a 0,50 m²/m²”.
Desde o BNG reiteran que este novo desenvolvemento residencial carece de xustificación real, tendo en conta a situación do parque inmobiliario no municipio. “No BNG seguimos defendendo que non está xustificada esta promoción de nova vivenda, cando en Miño hai centos de vivendas baleiras e solo urbano sen desenvolver. Non é necesaria e menos aínda tensionado aínda máis un espazo de altísimo valor natural como son as marismas do Baxoi”, insistiu o portavoz nacionalista.
O Bloque tamén criticou o que considera un cambio radical de postura por parte do PSOE nos últimos anos. “Cando estaban na oposición opoñíanse con rotundidade a esta urbanización. Logo dixeron que a proposta de 350 vivendas era a única solución viábel, vendendo como un auténtico logro esta rebaixa da edificabilidade que como moito se adaptaría a lexislación vixente, e agora pretenden convencernos de que a construción de 500 vivendas é o mellor para Miño e mesmo necesario”, indicou Nicolás. “Non sabemos que criterio urbanístico están aplicando con este novo proxecto, nin que acordos están pechando coas promotoras, mais o que está claro é que non están pensando no interese xeral”, engadiu.
A formación nacionalista tamén puxo en dúbida a viabilidade legal desta nova proposta, advertindo sobre posibles incompatibilidades coa normativa vixente. “Temos serias dúbidas de que esta urbanización teña encaixe dentro das determinacións do Plan de Ordenación do Litoral (POL) e, sobre todo, que a edificabilidade que se propón sexa compatíbel cos límites que estabelece a Lei de Costas”, afirmou Alberte G. Nicolás.
O grupo nacionalista reclama ao executivo local que antepoña o interese común e a preservación do territorio aos intereses das promotoras. “Desde o BNG esiximos ao goberno local do PSOE que actúe con valentía e defenda os intereses da veciñanza de Miño a hora de chegar a acordos coas promotoras, en lugar de pregarse aos seus intereses económicos. Temos a responsabilidade de protexer o noso patrimonio natural e garantir un modelo urbanístico sostíbel que non hipoteque o futuro do noso concello”, concluíu.