O BNG de Culleredo insta ao goberno a avanzar na elaboración da nova ordenanza do uso do galego

ACoruñaXa
Os nacionalistas sinalan que o obxectivo é promover e protexer o uso da lingua propia de Galicia no día a día
Casa do Concello de Culleredo
23 Feb 2025

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Culleredo urxe ao Goberno local a retomar os traballos para a elaboración dunha nova ordenanza que regule o uso da lingua galega no municipio. A iniciativa xorde despois de que no pleno de xullo de 2024 se aprobara por unanimidade unha moción presentada polo grupo nacionalista para impulsar a normalización do galego no ámbito municipal.

A proposta instaba ao Concello a presentar ante o pleno unha ordenanza que definise accións concretas para fomentar o uso da lingua galega, así como criterios lingüísticos que guiasen a comunicación institucional e outras actuacións municipais. Aínda que a moción recollía a posibilidade de que o documento fose levado a pleno antes de finalizar o ano pasado, o BNG denuncia que, a día de hoxe, non hai constancia de avances neste sentido.

"A situación da nosa lingua é alarmante", advertiu o BNG, lembrando os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), que revelan que, por primeira vez na historia de Galicia, hai máis falantes de castelán que de galego. Diante deste panorama, a formación nacionalista considera prioritario que as institucións actúen con celeridade para reverter a perda de falantes e garantir a presenza do galego na administración local.

O BNG insta o goberno de Culleredo a cumprir co acordo plenario e a presentar canto antes a ordenanza comprometida, co obxectivo de promover e protexer o uso da lingua propia de Galicia no día a día da veciñanza e da xestión municipal.

0.16502809524536