O BNG de Culleredo exixe a recuperación de taxis adaptados para persoas con mobilidade reducida

ACoruñaXa
Segundo a formación nacionalista, esta carencia dificulta as actividades diarias das persoas afectadas
Imaxe da bancada do BNG no Pleno de Culleredo
28 Apr 2025

O BNG de Culleredo levará ao Pleno Municipal do martes 29 de xullo a súa proposta para dar solución á falta de taxis adaptados no municipio, unha problemática que está a causar grandes prexuízos á veciñanza con mobilidade reducida. Segundo a formación nacionalista, esta carencia dificulta as actividades diarias das persoas afectadas, como acudir a centros médicos ou realizar compras, entre outras necesidades básicas.

O portavoz nacionalista, Tono Chouciño, subliñou que o dereito á mobilidade en igualdade de condicións está recollido na lexislación estatal e autonómica, e que as administracións públicas teñen a responsabilidade de garantir a accesibilidade universal nos servizos de transporte público. "Culleredo conta cunha poboación que supera os 30.000 habitantes, ten un nodo de transporte fundamental como o Aeroporto de Alvedro e varios polígonos industriais. Non é aceptable que non se garantan servizos adaptados áqueles que máis o necesitan", afirmou Chouciño.

No seu plantexamento, o BNG tamén solicita a elaboración dun plano municipal de accesibilidade no transporte público, que se desenvolva en colaboración coas entidades locais especializadas neste ámbito. "É fundamental que Culleredo recupere este servizo que existía até fai pouco. A súa eliminación é un retroceso nos dereitos dun colectivo especialmente vulnerábel. Precisamos avanzar cara un Culleredo máis accesíbel e máis igualitario", engadiu o voceiro nacionalista.

O BNG pide ao equipo de goberno do concello que cumpra coa súa responsabilidade e actúe de forma inmediata para garantir a accesibilidade nos servizos de transporte, poñendo fin á discriminación que actualmente sofren as persoas con mobilidade reducida.

⚙ Configurar cookies
0.1743688583374