O BNG de Culleredo esixe responsabilidades políticas ao Goberno local ante a sentenza de Jardincelas

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Culleredo traslada que levou ao último Pleno a sentenza que fai responsable solidario ao Concello de Cullereredo das débedas salariais da empresa Jardincelas, referidas á limpeza de parques e xardíns.
O voceiro do BNG, Tono Chouciño, destaca a necesidade de que, de confirmarse que o Concello ten que asumir esas indemnizacións, estas sexan esixidas aos responsábeis políticos do Goberno Municipal culpábeis desta situación.
"O Goberno do Sr. Rioboo decidiu seguir pagando á empresa, cando sabía que esta non estaba a cumprir as súas obrigas para con o seu persoal. Nós propuxemos que se pagara directamente ás traballadoras e traballadores polo seu traballo, como se fixo noutros sitios, pero non fixeron caso. Non debe caer sobre a veciñanza o pagamento, por segunda vez, dunhas cantidades que xa foron satisfeitas, pero que non chegaron a quen as merecía polo seu traballo. A responsabilidade é de quen non contratou en tempo e forma eses servizos e de quen ignorou que a empresa que os realizaba non cumpría coas súas obrigas legais", afirma.
O grupo nacionalista indica que no Pleno púxose de manifesto que o Goberno municipal descoñece o alcance da sentenza. Nen sequera foron quen de responder á pregunta de se a sentenza estaba recurrida polo Concello ou non. Así, o BNG fai referencia a que o Xulgado o Social recoñece unha débeda de 5976,10 euros a un traballador. Ao tempo indica que a responsabilidade do pagamento é solidaria, da Empresa e do Concello por igual. Como a empresa está en liquidación, será o Concello o que terá que asumir, con toda certeza, a totalidade da débeda.
O BNG expón que o Goberno Municipal non quixo responder á pregunta de cantos traballadores e traballadoras estarían na mesma situación. Tampouco quixo dar explicacións de porqué á empresa non se lle esixían os documentos de estar ao corrente de pago das súas obrigas coa Seguridade Social, tal e como obriga a lexislación. De igual forma, tampouco foi quen de despexar as dúbidas sobre a situación dos traballadores e traballadoras adicados aos traballos de limpeza viaria, que empezan a ter problemas similares aos de Jardincelas.