O BNG de Culleredo demanda a convocatoria da Xunta de Seguridade tralos incidentes cos feirantes

Perante os incidentes ocorridos onte no Burgo, onde tivo lugar unha pelexa entre feirantes pola colocación dos postos, o BNG demanda a convocatoria da Xunta Local de Seguridade e da Comisión de Presidencia para informar dos feitos, coñecer a valoración que as autoridades e forzas de seguridade fan dos mesmos, e estudar as medidas a tomar.
"O Concello ten que implicarse activamente para vixiar as condicións nas que efectivamente se desenvolven as festas en todas as nosas parroquias e lugares", dixo.
O BNG afirma que leva anos alertando das condicións nas que se desenvolven as festas máis multitudinarias do noso Concello, e en concreto as do Burgo. "O Concello, como xa temos manifestado en reiteradas ocasións, non pode descargar toda a responsabilidade nas comisións de festas", din.
Para o Bloque Nacionalista Galego as festas teñen que ser espazos nos que se garanta a seguridade de todas as persoas que participan nas mesmas, en todos os eidos.
ALCALDE
Pola súa banda, o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, xunto co concelleiro de Desenvolvemento Social, Juan Carlos Lovelle, desprazouse ata o lugar dos feitos para recibir toda a información do operativo. Alí mediaron coas familias implicadas para lograr un clima de calma despois de que un feirante resultase ferido con arma blanca.
Rioboo fixo un chamamento á tranquilidade da veciñanza dado que se tratou dun conflito entre os mozos das familias que agarda que quede en algo puntual e as festas se leven a cabo con normalidade.
O primeiro edil avanzou que se reorganizarán os espazos das atraccións para evitar este tipo de problemas e se creará un perímetro de seguridade para garantir a cordialidade.
Iso si, o alcalde deixou claro que se este tipo de sucesos se repiten de acordo coas forzas de seguridade, non terá máis remedio que cancelar as festas do Burgo.