O BNG de Coirós volve denunciar o abandono da finca dos Corrales e pide solucións

O BNG de Coirós denuncia o estado de abandono da Finca dos Corrales en Espenuca e exixe medidas inmediatas para garantir a seguridade das veciñas e veciños.
Dentro da finca dos Corrales, no núcleo de Espenuca, atópanse o Hórreo e a Casa Grande recollidos na listaxe de Patrimonio Arquitectónico de Coirós.
“Desde o BNG temos denunciamos en moitas ocasións o claro estado de abandono e ruína dos inmobles ao que se engade o crecemento incontrolado de broza. Isto ocasionou que, nalgún momento, veciñas e veciños do lugar tiveran que encargarse de limpar a zona para evitar males maiores nas parcelas achegadas”, explica a concelleira do BNG Pura Ferreño.
Cada ano, no tempo da primavera, as persoas que viven nas casas do lugar volven manifestar o seu descontento polas molestias que lles ocasiona esta finca. “Este días puidemos ver que a isto se engade a presenza de grandes fendas que ocasionan a caída de pedras no camiño”, apunta Ferreño.
As nacionalistas insisten en que “deixar esmorecer un patrimonio tan valioso é algo ao que desgraciadamente vemos con demasiada frecuencia”. Mais tamén indican que “é un mal que non podemos permitirnos como pobo pois isto forma parte da nosa historia e da nosa cultura”.
“Se por riba isto representa un perigo para a seguridade e a saúde das persoas e das propiedades colindantes é urxente tomar medidas para remedialo”, insiste Ferreño.
Por todo isto as nacionalistas veñen de presentar unha serie de preguntas diante do Goberno municipal para saber que medidas tomará para evitar a caída de cascallos ao camiño e para que se limpe a broza na finca. Así mesmo demandan coñecer se existen algún plan para evitar o deterioro da propiedade e que prazos se marcan para realizar estes traballos.