O BNG de Coirós reclama un plan anual de limpeza para os núcleos rurais e camiños

O BNG de Coirós vén de reclamar actuacións urxentes para facer fronte ao “estado de desleixo” que, segundo denuncian, afecta os núcleos rurais e as vías de comunicación do municipio. A formación nacionalista insta ao Goberno local a deseñar e aplicar un plan anual de limpeza e prevención de incendios dotado dos medios necesarios para garantir o bo estado das infraestruturas e a seguridade da veciñanza.
A voceira do BNG en Coirós, Pura Ferreño, sinala que “a xestión da limpeza viaria municipal e dos núcleos rurais é competencia dos concellos e deben ser estes quen se responsabilicen do seu mantemento”, e advirte da falta de planificación por parte do actual executivo municipal do PP.
“Ante a situación actual, á que se chegou por non ter o goberno do PP un plan de traballo acorde coas necesidades do noso concello, cómpre acometer de xeito urxente e con medidas extraordinarias unha limpeza en todos os núcleos e vías principais”, afirma Ferreño.
A concelleira tamén critica o modelo puntual de actuacións que se vén aplicando: “É un erro pensar que limpar os camiños unha vez ao ano antes das festas patronais en cada parroquia soluciona o problema. É tamén un erro pensar unicamente no verán como época de risco de incendios. Os últimos anos puidemos ver que o perigo se pode estender aos meses de setembro e incluso outubro”.
Desde o BNG propoñen a posta en marcha inmediata dun plan anual de limpeza de camiños e núcleos rurais, estruturado segundo criterios de prioridade e intensidade. “Para mellorar a eficiencia, programaranse os traballos en función das distancias a vivendas e núcleos, de xeito que a limpeza sexa máis intensa nos lugares habitados repetindo as veces necesarias para garantir o bo estado das vías e a seguridade das persoas. Cómpre vixiar o estado de parcelas abandonadas próximas ás vivendas e instar ás persoas propietarias a limpalas, e proceder á execución subsidiaria no caso de se desatender”, explicaba a voceira nacionalista.
Finalmente, Ferreño tamén puxo o foco na necesidade de dotar ao municipio dun plan específico de prevención de incendios: “As nacionalistas tamén reclaman deseñar un plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, con arranxo ao previsto na lei 3/2007 e na lexislación galega de montes, e integralos nos plans de urxencia municipais”.
O BNG considera que só con planificación, recursos e compromiso político se poderá garantir un entorno limpo, seguro e sostible para a veciñanza de Coirós.