O BNG de Coirós reclama un inventario completo e un plan integral para preservar as fontes e lavadoiros do municipio

O BNG de Coirós vén de reiterar a súa petición dun plan global destinado á catalogación, conservación e posta en valor das fontes e lavadoiros dispersos polo termo municipal, elementos que, segundo destacan, forman parte esencial da memoria colectiva, da identidade local e do traballo tradicional das mulleres.
A organización lembra que leva anos impulsando esta demanda mediante emendas aos orzamentos municipais e diversas mocións debatidas en pleno. O concelleiro Pablo Bugía subliña a importancia deste patrimonio e sinala como exemplo a Fonte do Ferrollo, situada en Queirís. Trátase dunha estrutura singular composta por un pozo que se enche nas épocas de choiva e que desemboca nun lavadoiro anexo, hoxe case oculto como consecuencia das obras do desvío da N-VI nos anos 80. Bugía destaca que, malia o seu deterioro, a veciñanza continúa reclamando a limpeza do acceso polo valor histórico que conserva, aínda que o camiño presenta un estado que dificulta o paso mesmo a persoas sen problemas de mobilidade.
As nacionalistas recoñeceron como positiva a recente intervención municipal en tres lavadoiros, mais consideran que resultou insuficiente ao limitarse á substitución das cubertas. Para Bugía, o Concello debería elaborar un inventario municipal actualizado que recolla todos estes bens, avaliar o seu estado e definir un plan estruturado por fases que garanta a súa protección e recuperación.
Desde o BNG lembran tamén que a normativa vixente obriga os concellos a manter actualizado o inventario de bens municipais, entre os que deben figurar aqueles de carácter cultural e etnográfico, como fontes e lavadoiros. Por iso, consideran imprescindible cumprir esta obriga e asegurar unha actualización rigorosa.
O grupo nacionalista defenderá no vindeiro pleno a necesidade de inventariar todas as fontes e lavadoiros do municipio e incorporalos ao catálogo de bens patrimoniais. Ademais, pedirán un plan urxente de limpeza para retirar a vexetación, restaurar as canalizacións e analizar o estado da auga, co fin de adoptar medidas que melloren a súa calidade.
Finalmente, o BNG reclama a redacción e execución dun plan integral de recuperación, conservación e sinalización destes elementos, que incluiría actuacións específicas na Fonte do Ferrollo debido á súa singularidade e grave deterioración.