O BNG de Coirós reclama transparencia ante o proxecto dunha planta de fundición de aluminio

O Bloque Nacionalista Galego de Coirós vén de expresar a súa preocupación pola tramitación do proxecto da planta de fundición de chatarra de aluminio que a empresa Aluminios Cortizo pretende instalar no parque empresarial do concello. A formación nacionalista denuncia a “falta de transparencia e de garantías” que, segundo advirte, está a rodear esta iniciativa industrial.
O BNG critica especialmente que a Xunta de Galicia emitise unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorábel sen garantir o acceso público á documentación clave sobre os efectos reais da instalación. A este respecto, reclaman que se fagan públicos e accesíbeis todos os informes ambientais vinculados ao proxecto, incluíndo información detallada sobre o consumo de auga e enerxía, as emisións á atmosfera e o tratamento de residuos perigosos.
Para o BNG, calquera actividade industrial debe contar con “todas as garantías” que permitan minimizar o seu impacto sobre a saúde das persoas, o territorio e os recursos naturais. A portavoz municipal do Bloque en Coirós, Pura Ferreño, cualifica de “preocupante que se tramite un proxecto desta envergadura sen que a veciñanza coñeza antes con claridade os seus efectos ambientais nin as medidas previstas para minimizalos”. Ferreño engade que “o proxecto presenta importantes lagoas de información e non achega datos concretos sobre aspectos tan sensíbeis como o consumo hídrico ou o volume e tratamento de residuos”.
Ademais de presentar alegacións ao proxecto, o BNG tamén deu traslado da situación ao Parlamento de Galicia. A deputada Mercedes Queixas vén de rexistrar unha iniciativa solicitando copia da Declaración de Impacto Ambiental e da Autorización Ambiental Integrada, co obxectivo de que esta documentación poida ser revisada polo grupo nacionalista e posta ao dispor da cidadanía. “O mínimo que se lle debe á veciñanza é información completa e veraz. Non se pode permitir que non haxa un control público rigoroso nun ámbito tan delicado como é o medio ambiente”, afirmou Queixas.
O BNG reitera así o seu compromiso coa defensa do territorio e anuncia que seguirá exixindo transparencia e garantías ambientais reais fronte a calquera proxecto que poida supoñer riscos para o benestar da poboación ou para o equilibrio ecolóxico da contorna.