O BNG de Coirós impulsa un regulamento de participación cidadá pero atopa o veto do PP

O BNG de Coirós promove a creación dun regulamento de participación cidadá co obxectivo de mellorar a transparencia na xestión municipal e fomentar a intervención directa da veciñanza nos asuntos que lles afectan.
A portavoz nacionalista, Pura Ferreño, explicou que “a democracia é moito máis que acudir a votar cada catro anos. A cidadanía ten que ser protagonista dunha participación directa na toma de decisións”. Ferreño argumentou que no ámbito municipal, por ser o máis próximo, esta implicación social faise aínda máis necesaria, especialmente nun contexto no que as demandas veciñais e os problemas sociais son cada vez máis complexos.
Desde o BNG destacan que a participación cidadá contribúe a mellorar a calidade democrática, reforzar as políticas públicas, xerar confianza nas institucións e crear tecido social implicando á veciñanza nos asuntos do seu entorno con capacidade de análise crítico. A pesar desta defensa, a proposta de regulamento non saíu adiante debido á oposición do Partido Popular, que conta con maioría absoluta no pleno municipal. Ferreño lamentou esta negativa lembrando que “son numerosas as demandas formuladas por persoas particulares e tamén a nivel colectivo pola necesidade de dotarnos de mecanismos que favorezan a participación cidadá no noso concello”.
A nacionalista criticou a postura do PP asegurando que “parece que un PP absolutista non ve con bos ollos medidas que amplíen e melloren a participación da veciñanza”. A pesar do rexeitamento, o BNG anunciou que continuará impulsando esta iniciativa para dotar a Coirós dun Regulamento Municipal de Participación Cidadá e reformar tamén o Regulamento Orgánico do Pleno co obxectivo de facilitar a promoción de iniciativas populares e a intervención de asociacións e colectivos nas sesións plenarias.