O BNG de Coirós esixe un plan urxente para frear as perdas de auga e reclama tarifas máis xustas por fugas fortuítas

ACoruñaXa
A formación nacionalista propón campañas de prevención, bonificacións puntuais ás usuarias afectadas por incidencias involuntarias e un plan integral de auditoría da rede municipal, que estaría a perder preto do 40% da auga subministrada
COIROS bng
28 Oct 2025

O BNG de Coirós reclama actuacións inmediatas para reducir as perdas de auga no subministro municipal e para revisar a facturación ás persoas abonadas en casos de fugas imprevistas nas instalacións privadas.

A portavoz municipal do BNG, Pura Ferreño, sinala que 'o dereito á auga tamén implica responsabilidades compartidas', e lembra que 'as veciñas teñen que coidar as súas tubaxes igual que o Concello debe mellorar a rede pública'.

O BNG propón dúas medidas principais. A primeira, unha campaña de prevención para fomentar a revisión e mantemento das instalacións interiores e evitar roturas cando as vivendas están baleiras. A segunda, adaptar as tarifas en casos de consumos desorbitados por unha fuga fortuíta. Esta redución aplicaríase unha soa vez e só se a reparación queda acreditada, quedando excluídos os casos repetidos por falta de mantemento.

Ferreño tamén chama a atención sobre a situación da rede municipal. Segundo a voceira, informes da concesionaria e do propio Concello recoñecen perdas próximas ao 40% na rede pública, 'sen que se vexa que se estean executando as melloras anunciadas'. O BNG cualifica esta situación de 'moi mal exemplo de xestión dun ben esencial como a auga'.

Por último, o BNG insta á empresa concesionaria, ao Concello e a Augas de Galiza a impulsar un plan integral de auditorías no abastecemento e no saneamento para detectar as fugas e corrixilas canto antes.

⚙ Configurar cookies
0.071372032165527