O BNG de Coirós alerta sobre o impacto do proxecto de Aluminios Cortizo

ACoruñaXa
A formación nacionalista manifesta a súa preocupación polo posible impacto no abastecemento de auga
bng-coiros
16 Apr 2025

O BNG de Coirós vén de esixir un informe técnico detallado sobre os consumos de auga previstos para o proxecto industrial que a empresa Aluminios Cortizo pretende desenvolver no concello. A portavoz nacionalista, Pura Ferreño, manifestou a súa preocupación polo impacto que podería ter esta actividade sobre o abastecemento municipal, especialmente tendo en conta os datos recollidos no Plan de Seca de 2020.

Segundo ese documento, a dotación total recoñecida era de 474,24 metros cúbicos ao día, dos cales 195,77 se destinaban a usos domésticos. Porén, a propia empresa recoñece na Avaliación Ambiental que o seu consumo sería de 187,5 m³/día, o que representa o 39,5 % do total estimado no plan, sen contar coas perdas no sistema de subministración, que segundo o Plan de Seca acadaban o 39 %.

“Temos motivos fundados para pensar que a demanda de auga actual é superior á prevista no 2020, tanto polo incremento da poboación como polos picos de consumo no verán, que coinciden co momento de menor caudal no río Vexo, onde se realiza a captación”, sinalou Ferreño.

O BNG reclama que, en base ao informe que solicitan, se elabore un plan de subministración detallado mes a mes, analizando tamén os datos históricos de caudal do río e a capacidade de almacenamento, ademais de garantir os caudais ecolóxicos mínimos.

“Queremos saber até que punto este proxecto pode comprometer o acceso á auga da veciñanza de Coirós. Pensamos que o Concello debe esixir á empresa que estude captacións alternativas que non poñan en risco o sistema actual”, explicou a portavoz.

Fugas de auga e falta de alternativas

Ferreño lembrou que no Pleno de 2023 o BNG xa propuxo estudar vías alternativas de abastecemento, logo de constatar o baixo caudal do río Vexo. A iniciativa foi rexeitada polo goberno local, a pesar de que o Plan de Seca identificaba perdas de máis de 62.000 m³ de auga no período 2019/2020.

“Desde o BNG insistimos na necesidade dun plan urxente para mellorar a rede e reducir estas perdas. É imprescindible coñecer os prazos e a dotación orzamentaria prevista para acometer estas actuacións”, concluíu Ferreño.

⚙ Configurar cookies
0.16557192802429