O BNG de Betanzos solicita no pleno a mellora da calidade do servizo de comedor
O BNG de Betanzos volveu levar a pleno as queixas das familias usuarias do comedor escolar do CEIP Vales Villamarín, que xestiona o Concello, pola mala calidade do servizo. "As familias indicaron que o 7 de maio se cambiou o menú indicado por outro de moi baixa calidade e non se avisou ás familias desta circunstancia (cando se ten usado o servizo de mensaxería no pasado para mandar outros avisos)", denunciou a concelleira do BNG Vanesa Rey.
"As familias reiteran a necesidade de mellorar a comunicación entre a empresa e as usuarias e de mellorar a calidade, a cantidade e a temperatura dos menús" advertiu a edila do BNG. Neste sentido, exixiu ao goberno local do PSOE que mellore todas estas cuestións.
"Non perdemos de vista que este servizo, como todos os servizos complementarios de educación, debe ser xestionado directamente pola Consellería de Educación, mais mentres sexa xestionado polo Concello, o goberno local do PSOE ten que garantir o bo funcionamento do mesmo e unha alimentación de calidade para as nenas e nenos que o utilizan", advertiu a concelleira do BNG.