O BNG de Betanzos renova o seu Consello Local coa vista posta en 2027

ACoruñaXa
Moncho Bouzas asume a responsabilidade local nun órgano no que tamén participan as edís Amelia Sánchez e María Vanessa Rey, xunto con perfís con traxectoria no nacionalismo brigantino
BNG betanzos 2026
29 Dec 2025

O BNG de Betanzos vén de constituír un novo Consello Local co que, segundo a formación, abre unha nova etapa política orientada a reforzar o traballo organizativo e social no concello e a construír unha alternativa ao actual goberno municipal de cara ás eleccións de 2027.

O novo órgano de dirección local estará encabezado por Moncho Bouzas, que asume a responsabilidade local, e incorpora a participación das concelleiras Amelia Sánchez Pérez e María Vanessa Rey Carro. Tamén forman parte do equipo persoas con experiencia no proxecto nacionalista en Betanzos e na comarca, como Andrés Otero Botana, ex-concelleiro do BNG na cidade, e Cristina López Sánchez, que foi responsábel comarcal do BNG nas Mariñas, ademais de Antón Tenreiro e Xavier Campos.

Desde o Consello Local destacan a intención de combinar a acción institucional cun traballo constante de base, incrementando a presenza do BNG na rúa, a escoita activa da veciñanza e a defensa dos intereses de Betanzos. Nesa liña, a portavoz municipal afirmou que o Bloque pretende presentar unha proposta ‘sólida e seria’ para liderar o municipio e criticou tanto a xestión do PSOE no goberno local como o papel do PP na oposición, ao que cualificou de confrontativo.

Para o BNG, esta renovación marca o inicio dunha fase centrada en sumar apoios, ampliar complicidades e preparar unha proposta política “ilusionante” coa que aspirar a abrir un novo tempo en Betanzos.

⚙ Configurar cookies
0.090769052505493