O BNG de Betanzos reclama un casco histórico máis peonil que poña as persoas no centro

O BNG de Betanzos reiterou a súa aposta por un casco histórico peonil, cunha mobilidade máis acorde co valor patrimonial da zona e con maiores limitacións ao tráfico rodado e ao uso do coche particular. A formación nacionalista fixo pública esta posición despois de que o goberno municipal do PSOE anunciase a aprobación dunha nova ordenanza de mobilidade que reducirá o tempo de circulación polo centro histórico.
A portavoz do BNG, Amelia Sánchez, defendeu que o debate non debe centrarse en cantos minutos son suficientes para atravesar a zona histórica, senón no modelo que se quere para o casco. Segundo sinalou, mentres o executivo local mantén unha fórmula na que segue predominando a circulación de vehículos, o BNG propón recuperar o espazo para as familias e para a veciñanza, entendendo as rúas e prazas como lugares de convivencia, lecer, dinamismo e actividade comercial.
As nacionalistas sosteñen que os cascos históricos que restrinxen a circulación son os que acaban gañando vitalidade e afirman que o sistema actual non está a dar resultado. Por iso, aseguran que é necesario un cambio de enfoque para devolverlle vida ao centro de Betanzos.
Ademais, o BNG insistiu na necesidade de tratar a mobilidade “de maneira ampla e seria”, reclamando a aprobación dun Plan de Mobilidade que analice as distintas problemáticas existentes e estableza solucións que permitan unha convivencia axeitada entre peóns e vehículos de diferente tipo.