O BNG de Betanzos reclama reactivar a comisión de investigación do Complexo San Roque

ACoruñaXa
Co obxectivo de esclarecer os incumprimentos dos contratos vixentes e as responsabilidades derivadas
bng-betanzos
30 May 2025

O BNG de Betanzos instou no último pleno municipal á convocatoria inmediata da comisión de investigación sobre o Complexo San Roque, co obxectivo de establecer un calendario de sesións que permita esclarecer os incumprimentos dos contratos vixentes e as responsabilidades derivadas. A formación nacionalista alerta de que o contrato esixe a autorización plenaria para calquera subarrendo, algo que —aseguran— non se está a cumprir.

Desde o BNG lembran que xa en febreiro de 2024, tras unha iniciativa propia, o goberno local comprometeuse a activar esta comisión tras unha vista xudicial relacionada cunha denuncia do Concello presentada en 2022. Aquel procedemento derivara tamén dunha proposta plenaria do BNG polas presuntas irregularidades detectadas no complexo. Porén, critican que o executivo do PSOE nunca chegou a convocar a comisión nin informou á Corporación, malia prometer que o faría.

"A opacidade do goberno municipal neste asunto é alarmante", sinalan as nacionalistas, que subliñan que o Concello —e, en última instancia, a cidadanía— son os que acabarán asumindo as consecuencias dunha xestión deficiente. Segundo explican, a veciñanza só foi coñecendo detalles da situación grazas ás iniciativas presentadas polo BNG ao longo dos anos.

Entre as irregularidades citadas destacan impagos de alugueiros e impostos, débedas con persoal, servizos sen funcionar, traspasos irregulares, obras pendentes previstas no prego de condicións, ou a apertura dunha sala de eventos no soto da cafetería sen autorización expresa.

Ademais, lembran que foi tamén o BNG quen fixo públicas as poxas dos dereitos de concesión, e quen impulsou a creación da comisión de investigación, que segundo denuncian, apenas tivo actividade real. “As poucas comparecencias que se fixeron non deixaron constancia escrita, e a falta de periodicidade fixo inviable o seu labor”, critican.

Por iso, reclaman que se retome a actividade da comisión con carácter inmediato e se marque un calendario de traballo serio para esclarecer os feitos e valorar a posible rescisión dos contratos en vigor.

Desde o BNG insisten en que a súa proposta sempre foi clara: transformar o edificio nun xeriátrico público que complemente o centro de día que propoñen crear no antigo ambulatorio, ademais de aproveitar o aparcamento soterrado para dar servizo a estas instalacións e á veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.19263195991516