O BNG de Betanzos reclama de novo a limpeza da traseira do parque Pablo Iglesias

ACoruñaXa
A formación nacionalista advirte que afecta á calidade de vida da veciñanza e á imaxe da cidade
Imaxe de Amelia Sánchez do BNG de Betanzos
17 Jun 2025

O BNG de Betanzos volveu levar ao Pleno municipal a situación de abandono na traseira do Parque Pablo Iglesias, un espazo que, segundo denunciou a formación, acumula entullo e refugallos sen recoller malia as reiteradas peticións de limpeza. A voceira nacionalista, Amelia Sánchez, lembrou que se trata dunha demanda recorrente: “Xa trouxemos máis veces, mais segue sen amañarse a suciedade e falta de conservación deste entorno onde se xuntan a área de auto-caravanas e o parque canino”.

A formación sinala a ausencia de mantemento tanto nas infraestruturas como no espazo que as rodea, onde se acumulan residuos procedentes de obras municipais. Esta situación, segundo denunciou Sánchez, está a derivar “na proliferación de roedores, moscas e outras pragas”, o que supón un risco engadido nunha zona frecuentada pola veciñanza.

Desde o BNG instan ao Goberno local, en mans do PSOE, a explicar os motivos polos que se mantén “un vertedoiro como este en zona urbana”. A voceira preguntouse no Pleno: “Acaso non consideran que a suciedade é un perigo potencial para a saúde pública e o medio, nomeadamente nunha zona de esparexemento, deportiva e á beira da ría como esta?”

A formación nacionalista reclama tamén que o executivo municipal estableza prazos concretos para resolver unha situación que, advirten, afecta á calidade de vida da veciñanza e á imaxe da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.17055892944336