O BNG de Betanzos reclama ao Goberno local que instale o busto de Castelao no Ano Castelao

O Bloque Nacionalista Galego solicitou explicacións no último pleno ao goberno municipal do PSOE sobre as actividades previstas para conmemorar o Ano Castelao en Betanzos, declarado oficialmente neste 2025 coincidindo co 75 aniversario do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Segundo indican a declaración institucional partiu dunha iniciativa do propio BNG, que pedía poñer en valor “a memoria e o legado de Daniel Castelao, a quen, con moitos outros, Galiza debe a súa condición de nacionalidade histórica e mais o seu réxime de autogoberno, ademais de ser un dos mellores artistas gráficos do país e un notábel ensaísta e creador literario”.
O concelleiro nacionalista Salvador González lembrou durante a sesión plenaria o vínculo especial de Castelao coa cidade de Betanzos e a súa condición de presidente de honra do Centro Betanzos de Bos Aires, recoñecemento outorgado pola colectividade betanceira da emigración. “Betanzos conta cun busto de bronce de Castelao fundido na emigración e cedido polo Centro Betanzos, coa condición de que se instalase nunha praza pública da cidade”, explicou González. “Porén, cando foi recibido, a dereita betanceira vetou a súa colocación nun espazo público, e o busto continúa a día de hoxe almacenado no Museo das Mariñas”.
Desde o BNG consideran que este Ano Castelao representa unha oportunidade histórica para saldar esa débeda e reclamaron ao executivo local que clarifique se ten intención de cumprir co compromiso adquirido hai décadas e instalar definitivamente o busto de Castelao nunha das principais prazas da cidade.
“A memoria de Castelao, o seu legado político e cultural, e o respecto aos acordos coa emigración merecen un recoñecemento público real e visible”, conclúen as nacionalistas.