O BNG de Betanzos propoñerá en pleno nomes para os novos parques do Casco Histórico

ACoruñaXa
Nacionalistas consideran que os nomes propostos no proxecto de construción non contribúen ao patrimonio histórico e cultural
bng_betanzos
25 Feb 2025

O BNG de Betanzos levará ao próximo Pleno unha proposta para que os novos parques do Casco Histórico de Betanzos sexan nomeados en honra a Xohán Branco e Fernán Martíns, dúas persoalidades clave na historia da cidade. As nacionalistas consideran que os nomes propostos no proxecto de construción, 'Horto San Francisco' e 'Patio Travesa', non axudan a poñer en valor o patrimonio histórico e cultural da localidade.

A primeira proposta recae no parque situado na traseira do Conservatorio, que, segundo o BNG, debería levar o nome de Fernán Martíns, autor da Crónica Troiana, unha das obras máis relevantes da prosa medieval galega, e que probablemente viviu en Betanzos, deixando un legado literario no mosteiro franciscano.

Pola súa banda, para o parque na traseira do pazo de Taboada, os nacionalistas propoñen nomealo en honra a Xohán Branco, o único líder irmandiño de extracción plebea. Branco foi alcalde e capitán da Irmandade, e grazas á súa loita Betanzos conseguiu o título de cidade e a Feira Franca, sendo tamén fundamental para a recuperación do voto nas Cortes para Galicia. Desde o BNG sinalan que "Betanzos ten unha débeda pendente con el, que este tributo reparará".

Ambas as propostas inclúen a rotulación dos parques co nome dos personaxes históricos e a creación de murais en medianeiras cegas nas proximidades, para destacar visualmente a súa figura e ofrecer un atractivo turístico, ao tempo que se realza a historia local.

Xestión pública da Pescadería

O BNG tamén presentará ao Pleno unha proposta para que a remozada Pescadería sexa xestionada de forma pública polo Concello de Betanzos. Desde a formación nacionalista exíxenlle ao goberno local do PSOE que aclare os motivos polos que anunciou a privatización da praza de abastos sen someter a proposta ao Pleno. Tamén demandan que se proporcionen explicacións sobre o estado da tramitación da xestión da praza e sobre as negociacións en curso coas praceiras que aínda manteñen concesións en vigor.

CIM e COF comarcais

Finalmente, o BNG centrará a súa terceira moción na necesidade de mellorar os servizos comarcais para a veciñanza das Mariñas. A proposta solicita á Xunta de Galicia a creación dun Centro de Información á Muller (CIM) e dun Centro de Orientación Familiar (COF) a nivel comarcal, co fin de evitar desprazamentos ás grandes cidades como A Coruña para acceder a estes servizos básicos.

 

⚙ Configurar cookies
0.2478768825531