O BNG de Betanzos propón un Plan Municipal de Vivenda e a creación dun grupo de apoio á maternidade

O BNG de Betanzos levará ao próximo Pleno municipal unha proposta para a posta en marcha dun Plan Municipal de Vivenda co obxectivo de facer fronte á crecente dificultade de acceso á vivenda na vila, especialmente por parte da xente moza e das familias con rendas medias ou baixas.
A concelleira do BNG, Vanessa Rey, advertiu que “o Concello de Betanzos é un municipio cunha marcada actividade turística ao longo de todo o ano e, especialmente, en tempada alta, onde moitas vivendas son destinadas a usos turísticos de curta duración”. Segundo datos do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT), existen 154 vivendas de uso turístico (VUT) en Betanzos, aínda que a nacionalista apuntou que “a realidade evidencia unha cifra maior, ao existiren vivendas destinadas a este fin que carecen de regulación e control, como pode comprobarse visitando portais web especializados”.
Rey explicou que “esta proliferación de VUT supón unha redución da oferta de vivenda dispoñíbel para alugueiros de longa duración, e unha carga adicional para os servizos públicos municipais, xa que o Concello de Betanzos non percibe unha contraprestación pola actividade económica que supoñen as VUT, ao non existir unha taxa turística que compense o uso intensivo dos servizos e infraestruturas municipais”.
A esta situación engádese, segundo indicou a concelleira, a existencia dunha elevada porcentaxe de vivendas baleiras. “Se a estas cuestións engadimos a suba xeneralizada e constante dos prezos da vivenda, tanto en alugueiro como compra, a conclusión é clara: corremos o risco de que a oferta existente non satisfaga a demanda, resultando nunha escaseza de opcións de alugueiro e nun incremento significativo dos prezos de compra”, destacou.
Desde o BNG defenden que “a vivenda debe ser un dereito garantido polas administracións públicas, e non un ben suxeito á especulación”. Por iso, propoñen a elaboración dun Plan Municipal de Vivenda que inclúa medidas como a regulación e limitación das VUT mediante unha ordenanza municipal, a creación dun censo de vivendas baleiras, a posta en marcha dunha bolsa de vivenda a prezos taxados, incentivos fiscais ou de rehabilitación para propietarios que queiran alugar as súas vivendas e o fomento da restauración de inmobles.
“A implementación deste tipo de medidas a través dun Plan Municipal de Vivenda permitiríalle ao concello afrontar de maneira integral os desafíos actuais en materia de vivenda, garantindo o dereito a unha vivenda digna para toda a veciñanza e promovendo un desenvolvemento urbano sostíbel e equilibrado”, concluíu Rey.
Proposta para apoiar a maternidade e a lactación
O BNG tamén instará ao goberno local a apoiar a creación dun grupo de apoio á maternidade e á lactación en Betanzos. “Un grupo de nais teñen expresado a súa vontade de constituír unha agrupación deste tipo e procuran apoio institucional para o proxecto, un apoio que no BNG consideramos necesario e de grande importancia, dada a relevancia social destes agrupamentos para compartir a experiencia da maternidade”, explicou a formación.
Actualmente, o departamento de Servizos Sociais municipal conta cunha Escola de pais e nais, mais desde o BNG entenden que ambas iniciativas “poderían coexistir” e ofrecer un seguimento máis amplo do proceso da maternidade.
Por iso, solicitaron que o goberno municipal impulse e apoie o funcionamento dun grupo específico de apoio á lactación e á maternidade, a través da área de Servizos Sociais.