O BNG de Betanzos presenta alegacións ao proxecto da AC-542 e reclama máis seguridade en Infesta

ACoruñaXa
Entre as propostas que defenden está a reformulación das interseccións cos viais locais para mellorar a visibilidade
bng-betanzos
5 Jun 2025

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Betanzos vén de presentar alegacións ao proxecto da Xunta para mellorar a seguridade e accesibilidade peonil na estrada AC-542. A voceira da formación, Amelia Sánchez, subliñou que se trata dun documento técnico elaborado "con interlocución coa plataforma veciñal de Infesta", e que busca unha reformulación máis ambiciosa das actuacións previstas.

Desde o BNG critican que o proxecto da Xunta non inclúe medidas de calmado do tráfico nin contempla a ampliación dos pasos de peóns existentes. Por iso, propoñen a construción de beirarrúas nos treitos que aínda carecen delas, o incremento dos pasos de peóns e a instalación de elementos que reforcen a seguridade viaria. "O primeiro tramo do Camiño da Estación, até o Refuxio, é o acceso a un centro de educación especial e debe sinalizarse como camiño seguro escolar", indican.

As nacionalistas consideran que a AC-542, ao seu paso polo núcleo de Infesta, funciona de feito como unha travesía urbana e, por tanto, debería contar con medidas específicas que prioricen a mobilidade peonil. "A AC-542 é a todos os efectos unha travesía urbana e como tal debe calmarse o tránsito, priorizar a mobilidade peonil e garantir que se pode pasar dun lado a outro, que a estrada non segue a ser unha barreira para a veciñanza", apuntan.

Entre as propostas que defenden está a reformulación das interseccións cos viais locais para mellorar a visibilidade e garantir incorporacións seguras. Tamén solicitan o desprazamento da nova rotonda prevista pola Xunta, de maneira que se manteña a conexión coa estrada N-VI en dirección á Coruña e se habilite un novo vial para acceder ao núcleo do Coto e á residencia de maiores. “Propomos desprazar a rotonda proxectada para manter a incorporación da estrada N-VI dirección á Coruña e un novo vial para mellorar o acceso ao núcleo do Coto e a residencia de maiores”, explicou Sánchez.

O BNG advirte de que a configuración actual prevista no proxecto obriga a realizar longos rodeos para acceder á residencia ou ao núcleo do Coto, o que afectaría a residentes, visitas e subministracións. Tamén alertan de que obrigar aos camións a cambiar de sentido na rotonda das Cascas colapsaría un acceso clave ao centro de Betanzos. “O radio de virada non permite cambiar de sentido aí a camións de grande tonelaxe e obrigaraos a circular pola estrada de circunvalación até a Madalena", indican.

Ademais, sinalan que este aumento do tráfico afectaría negativamente espazos de valor patrimonial como o Mosteiro de Donas, o lavadoiro das Cascas e o parque do Pasatempo. “O Plan Director do BIC precisamente recomenda retirar o tránsito do vial que separa a parte histórica do Pasatempo e propón medidas para calmar un tránsito máis reducido”, lembran.

Outra das súas demandas é a construción dunha nova rotonda no acceso á estación de Betanzos-Infesta, que facilite o cambio de sentido e ordene o tráfico cara á estación. "Está en marcha xa, derivado dos compromisos do pacto de investidura no Estado asinado polo BNG, a definición da rede de proximidade de Galiza, polo que o proxecto debe aproveitar para dar accesos á estación e prever estacionamento, tanto para esta infraestrutura como para suplir o que elimina na beiravía da estrada", explican.

Entre as medidas adicionais que propoñen inclúese un vial específico de acceso ao centro Pai Menni, ampliación dos carrís na ponte sobre o tren, cambio de ubicación do paso peonil a un punto máis seguro e a extensión das melloras de seguridade ata o núcleo de Montellos. "Son moitas as persoas que cruzan a pé a rotonda da A-6, o que exixe unha solución xunto coa perigosidade do cruce coas vías provinciais en Montellos", remarcan desde o BNG.

⚙ Configurar cookies
0.15770888328552