O BNG de Betanzos pide repensar a colocación dos colectores de lixo

ACoruñaXa
O grupo nacionalista critica a localización de colectores en cruzamentos, beirarrúas e zonas de paso
colectores-betanzos
27 Mar 2025

O BNG de Betanzos demandou no Pleno municipal unha reconsideración da localización dos colectores de lixo nas rúas de Betanzos debido aos problemas que está a xerar a instalación do novo colector para a fracción non reciclable. O concelleiro nacionalista Salvador González criticou que a colocación deste colector provocase a retirada doutros recipientes por parte do Consorcio das Mariñas, xerando un impacto negativo na xestión de residuos da veciñanza.

"Non entendemos por que, no canto de engadir este colector gris, optouse por retirar os colectores amarelos, que cumpren unha función distinta", sinalou González no Pleno. "Nestes colectores amarelos deposítanse os plásticos, e a súa retirada impide que a cidadanía poida reciclar correctamente", engadiu.

Ademais, sinalan que a falta de limpeza e mantemento dos colectores soterrados en varios puntos do centro da vila provocou unha acumulación de lixo e un aumento de malos cheiros, favorecendo a proliferación de ratas. "Os veciños e veciñas están preocupados por esta situación insustentable, polo que urximos ao goberno do PSOE a actuar de inmediato", apuntou González.

O BNG insiste na necesidade de reorganizar a distribución dos colectores para acabar co "caos actual". As nacionalistas lembran que hai meses solicitaron a realización de charlas divulgativas sobre o novo colector marrón e a separación correcta do lixo, mais consideran que "a falta de espazo nas rúbas fai necesario repensar a maneira de xestionar os residuos".

"O espazo público é limitado e está a ser ocupado por cada vez máis elementos en detrimento das persoas", afirmaron desde o BNG. Por iso, propoñen avaliar alternativas como a recollida selectiva porta a porta, un sistema que consideran "máis eficiente para a reciclaxe e que permite recuperar espazos urbanos para a cidadanía".

As nacionalistas subliñan que "as persoas deben ser as principais usuarias do espazo público" e critican a localización de colectores en cruzamentos, beirarrúas e zonas de paso. Tamén censuran outras interferencias urbanas, como a instalación de bancos que dificultan os pasos peonís, mencionando o caso da Fonte do Campo, onde recentemente foron recolocados polo Goberno municipal. "É urxente repensar o espazo urbano para garantir a accesibilidade e a comodidade da veciñanza", concluíron desde o BNG.

 

⚙ Configurar cookies
0.61771106719971