O BNG de Betanzos pide recuperar a xestión pública do complexo deportivo do Carregal

O BNG de Betanzos volveu reclamar a remunicipalización do complexo deportivo do Carregal, tras considerar que o estudo encargado polo goberno local do PSOE confirma que a xestión directa por parte do Concello é legalmente factible e economicamente sostible.
Segundo lembran desde a formación nacionalista, esta auditoría foi unha das condicións incluídas no acordo de investidura co executivo socialista. “Semella que aparte de ser legal, cousa que sempre defendimos e que o PSOE negaba, non ten maior custo para a veciñanza como tamén defendían eles”, subliñan desde o BNG.
A portavoz municipal do grupo, Amelia Sánchez, valorou os resultados do informe como unha oportunidade clara para avanzar cara a un modelo de xestión pública máis eficiente. “O estudo demostra que é factíbel legalmente e viábel economicamente que o Concello asuma directamente a xestión do complexo deportivo do Carregal”, afirmou.
En canto aos custes adicionais sinalados na auditoría, Sánchez restoulles importancia, explicando que “a maior diferenza de custo que presenta débese ao software de xestión e a unha furgoneta adscrita ao servizo, cuestións facilmente solventábeis recorrendo a software aberto e ao propio parque móbil municipal”.
Tamén considerou asumibles as necesidades de persoal reflectidas no informe. “Por outra banda indícase que é necesario un administrativo e un responsábel do servizo. Isto soluciónase redefinindo na relación de postos de traballo do Concello as tarefas do cadro de persoal actualmente existente e estabelecendo un responsábel, xa temos xuristas e un técnico de deportes na RPT”, detallou a portavoz.
“Non é un custo inasumíbel e non é desde logo algo que marque a diferenza para optar por un modelo de xestión máis eficiente e que garante que por diante do beneficio económico que busca calquera empresa concesionaria está a prestación dun servizo deportivo de calidade para todas as veciñas e veciños de Betanzos”, insistiu Sánchez.
Desde o BNG tamén aproveitaron para denunciar unha vez máis as deficiencias nas instalacións actuais. “Aínda hai uns días levamos ao pleno outra vez o malestar das usuarias da piscina pola falta de mantemento das instalacións”, lembraron. Para as nacionalistas, esta situación responde á lóxica empresarial da concesión. “A falta de mantemento é unha constante en todos estes anos de concesión da piscina do polideportivo debido precisamente a que as empresas privadas buscan o seu beneficio e o beneficio vén á conta de reducir o investimento necesario para manter o complexo”, concluíron.